VIALIA
PLAYDOC

Arriba, Casco Vello Alto!

Apenas faltan uns minutos para o solpor na praza do Abanico. As pedras máis altas das casas novas da zona vella da cidade reflicten a luz dourada dos derradeiros días do verán. Abaixo, no chan, algo máis dun cento de xente da veciñanza converteu as escaleiras desta histórica praza do denominado Casco Vello Alto nunha sorte de anfiteatro popular. Nenas e nenos, mozas e mozos, nais e pais, avoas e avós… pero sobre todo veciñanza. Xente tan diversa como a bandeira LGBT+ que fica pendurada na fachada da asociación Évame Oroza, presidindo senllas obras dos grupos de teatro Fauna 113 e Porta Aberta, que o colectivo que custodia a obra do poeta nado en Viveiro e finado en Vigo programou ao aire libre. Hai apenas dez anos, sería moi difícil imaxinar o que agora acontece nesta parte alta do barrio.

Comerciante do Casco Vello Alto | Foto: Paula Cermeño

Hoxe é o escenario principal das xuntanzas culturais da veciñanza, pero non sempre foi así. A praza do Abanico débelle o nome a un bar homónimo de principios do século XX, que despachaba no baixo da logo tamén coñecida como «a casa da Collona». Era unha sala de baile na que traballaba e gobernaba Esperanza Puente, unha madama que chegou a posuír un dos bordeis máis grandes da cidade. «No barrio, todas as persoas estaban integradas e non había nada que envexar a calquera outro punto da cidade. Ata que a desidia das institucións e os efectos das crises foron deshumanizando todo», explica Juan Carlos, que viviu aquela decadencia, marchou —ou foi expulsado— e agora pasea con certa melancolía por unhas rúas moi diferentes ás que deixou hai 15 anos.

A rehabilitación do Casco Vello Alto de Vigo foi durante anos unha quimera para veciños e institucións. De feito, a comezos dos anos 2000, a situación de degradación empurrou a que Concello, Xunta e Zona Franca creasen o Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV), que trataría de aplicar un programa de rehabilitación e recuperación urbana na área. As leas políticas entre administracións demoraron todos os prazos e protagonizaron titulares de desentendemento na prensa local. Así e todo, o proxecto saíu a flote e na parte alta do Casco Vello, o Consorcio abriu unha fase de recepción de proxectos para alugar os baixos reformados da área: «As premisas eran, en liñas xerais, que se integrasen coa veciñanza e non abafasen a vida das persoas. Por exemplo, a hostalería non tiña cabida», lembra Dani Iglesias, presidente da asociación cultural da zona alta do Casco Vello de Vigo, un dos colectivos que máis dinamiza hoxe as rúas.

A forza da veciñanza

O que aconteceu nos últimos anos foi que, de xeito bastante natural, os negocios que se foron instalando en rúas como a de Abeleira Menéndez, a da Ferrería, a de San Sebastián ou a de Santiago teñan que ver, dun xeito ou doutro, coa vida cultural. Entidades de xestión cultural como Abella Producións, que preside Juan de Castro e dirixe eventos como o Galician Freaky Film Festival ou o festival The Wild; Espacio Alas, lugar en que a pedagoga María Comesaña achega acompañamento e ferramentas para mellorar a vida das persoas; Las flores de Greta, onde Antía, Nuria e Uxía trasladan pigmentos de follas e flores a tecidos de orixe vexetal; a Editorial Elvira, vencellada á asociación Évame Oroza e especializada en poesía e libro artístico; Espacio Nido, un local de coworking dirixido por Ramón Viéitez, que foi un dos fundadores da asociación veciñal; ou Kame, academia de cómic dirixida por Iago Araujo e María Vilar. «No barrio estamos encantados. As zonas vellas das cidades sempre te acollen. Estamos felices por formar parte deste bulebule cultural do barrio. Que haxa máis xente nova», explica María. A integración, di, foi tamén amable: «A xente autóctona está contenta con esta nova vida. Nós tamén desfrutamos con este ambiente cultural tan saudable. O labor da asociación é excepcional».

Os responsables da Asociación do Casco Vello Alto | Foto: Paula Cermeño

Malia que o conxunto do Casco Vello de Vigo non ten unha extensión tan ampla como a que poidan ter outras zonas da cidade, aquí dáse a peculiaridade dunha fragmentación entre os colectivos veciñais. Pero non por inimizade, senón quizais por mor da fronteira que produciu a xentrificación da rúa de Elduayen ou talvez polas diferentes inquedanzas da propia xente. Mentres que a parte baixa do barrio está máis centrada na cultura tradicional galega e viguesa e todo o que ese paraugas abrangue, a festa da Reconquista e o ocio hostaleiro, Dani Iglesias, que chegou ao barrio a vivir nun dos pisos rehabilitados polo Consorcio, explica que «na parte alta temos a vontade de acoller unha parte da cultura máis contemporánea ou alternativa». Proba diso é a recorrente de feiras de artesanía, da programación de obras de teatro ou da celebración celebración do Orgullo, así como doutras festas nas que, non por casualidade, a parte hostaleira do alcol se relega a un segundo plano.

REVISTA ABRIL

Que foi da xente que vivía aquí?

A tarefa pendente e probablemente irrecuperable deste rexurdimento do Casco Vello —tamén da parte baixa— é a de integrar por completo a xente que o habitaba, tendo en conta as baixas situacións socioeconómicas que aquí se daban. Na memoria de quen viviu os anos lóbregos do remate do século pasado e o albor deste, queda esa ferida aberta. Isto sábeno as persoas que conforman Os Ninguéns, un foro socioeducativo de loita contra a pobreza e a exclusión social. Coa rehabilitación do barrio, é innegable o desterro que se produciu de colectivos especialmente vulnerables como mulleres dedicadas á prostitución, persoas drogodependentes e xente de clases moi empobrecidas. E agora onde están? Empurráronas a saír do centro, pero seguen existindo nas marxes.

Javier H.Rodríguez