Área 60, moito máis ca un escape room
O escape room Área 60, cun lustro de experiencia na cidade de Pontevedra, continúa a súa expansión na nosa cidade con dúas salas no seu catálogo. A empresa tamén ofrece prácticas en exteriores e incide na ludificación, é dicir, en achegar contidos didácticos a través do xogo.
Alberto Rivadulla decidiu deixar a hostalería tras descubrir o mundo dos escape rooms nunha despedida de solteiro: “Pareceume un mundo fascinante, encantoume”, rememora. Tras abrir un xogo de escape de seu en Pontevedra hai un lustro, abriu unha sucursal na nosa cidade hai uns meses aproveitando que unha empresa do mesmo sector deixaba vacantes as súas instalacións. O espazo, situado na rúa de Barcelona, conta con dúas salas: «Offline» e «Sherlock se viste de negro».
Na primeira proba un grande apagón tecnolóxico asolaga o planeta. Nun mundo caótico e desconfiado, os protagonistas deben atopar o refuxio do científico Morton para restaurar o equilibrio global. No segundo caso os participantes deben viaxar atrás no tempo para adiviñar en que punto espacial e temporal Moriarty asasina a Holmes e salvar a vida do famoso detective londinense. Este último é de menor dificultade que a proba distópica, polo que tamén serve para celebrar aniversarios de cativos a partir de 10 anos. Rivadulla ten idea de cambiar unha das salas e mellorar a outra proximamente, creando unha oferta de inmersión máis atractiva.
A empresa tamén ofrece prácticas en exteriores, coa intención de facelas de xeito regular en Pontevedra nos meses estivais e contando coa partcipación de actores. Nestas e outras iniciativas Área 60 incide na ludificación, isto é, en achegar contidos didácticos a través do xogo. As probas son creadas individualmente para o cliente final, sendo este un colexio, unha empresa privada ou un Concello, por exemplo: “Non somos só unha empresa de escape rooms, estamos abertos a máis cousas”, explica o dono. Con esta idea, hai pouco que se deseñou unha proba sobre a equidade de xénero chamada «Escapa da desigualdade».
Rúa de Barcelona, 49 | area60.es | 698 169 348 | contacta@area60.es | area60vigo
CONSULTA A AXENDA MÁIS COMPLETA DE VIGO
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024