CAMELIAS MASCOTAS

Antonio García Teijeiro: «A xente non está disposta a ler poesía porque non está acostumada»

O balonmán ten unha importancia notoria na biografía de Antonio Gabriel García Teijeiro (Vigo, 1952), que chegou a xogar co histórico equipo Academia Octavio na máxima categoría, pasando da cancha á bancada para explorar a faceta de adestrador. A mediados da década dos oitenta retirouse do terreo de xogo e foi entón cando se puxo a escribir, sen parar de recoller éxitos. Este mes publica coa Editorial Elvira o poemario Se falases de min.

Como é que un xogador profesional de balonmán se converte en escritor?

Eu era un xogador atípico, cando viaxaba a Barcelona ou Madrid levaba libros para ler no avión ou na cama, antes de durmir. Pero o de escribir foi despois de deixar o deporte, digamos que antes me estaba alimentando.

Que empezases a escribir aos 35 anos non foi impedimento para teres unha obra ampla.

Comecei a escribir aos 16 anos, porque naquel franquismo en que viviamos empezaba a notar que había cousas que non me cadraban. Escribía poemas e algún relato curto que eran berros de liberdade; non eran bos, porque eu non lía. Daquela non tiñamos acceso aos libros que hai hoxe en día. Ata que me puxen a ler, sobre todo poesía, escoitando a Paco Ibáñez; el foi para a xente da miña xeración ese trobador que nos abriu camiños novos. Comprendín que había unha serie de intelectuais que estaban fóra de España, loitando por unha liberdade que non había no Estado. Así coñecín a Javier Celaya, Federico García Lorca, Antonio Machado ou Blas de Otero. Fíxenme con libros deses poetas que cantaba Ibáñez e, a partir de aí, púxenme a escribir, e empecei a facelo doutra maneira.

Desde 1987, cando publicaches os primeiros poemarios, levas 82 libros. Nunca paras de escribir?

Pois case non. Sempre me moveu a intención de dignificar a literatura que tiñan que ler os nenos e os mozos, porque había esa idea de que para eles valía calquera cousa e eu sempre estiven en contra de semellante barbaridade. Comecei a escribir moita poesía desde o respecto e o agarimo, tamén co compromiso de achegarme a este xénero que case non se lía.

Que é o que che gusta a da poesía?

A economía da linguaxe, as imaxes, a música intrínseca que leva, o ritmo que se lle dá… Iso a nivel formal. Logo eu sentín a necesidade da poesía como un elemento corrector para a miña vida, grazas á poesía empecei a entender determinados sentimentos e comportamentos e coñecer un pouco os demais.

Por que pensas que a poesía non ten o alcance mediático que ten a narrativa?

Porque non é comercial. Eu sempre digo que aos nenos lles encanta a poesía e que os adultos lle teñen medo. A poesía esixe un esforzo, ás veces grande, porque non che dá as cousas trilladas, senón que precisas penetrar un pouco nas imaxes, nos dobres sentidos, nos pousos que deixa… para empezar a gozar dela. Moita xente non está disposta a facelo, non está acostumada porque nunca se lle recitou poesía. Penso que a poesía debe entrar nas aulas e nos fogares en voz alta.

Con Poemar o mar gañaches o Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil de España na edición de 2017. Poderíase dicir que é a obra máis importante de todas as que tes?

Evidentemente, é o libro que me deu a satisfacción máis grande e é o máis importante no sentido de que, por terceira vez na historia destes premios, concedéuselle o galardón a un libro de poesía. Penso que para a poesía foi fantástico e para a lingua tamén, porque hai varios destes premios estatais para obras en galego, pero o único que hai de poesía é este. Casualmente, o día 3 fanse cinco anos des que recibín a chamada do Ministerio de Cultura coa noticia, que me colleu sentado na praia, ollando as Cíes.

De onde che vén o compromiso coa lingua?

Desde o momento en que me decatei de que tiñamos un idioma marabilloso e que o estaban machacando. A miña lingua materna é o castelán, adoptei o galego por compromiso con esa lingua que estaba minusvalorada e ridiculizada. A todos os da miña xeración se nos ocultou Galicia, a historia do país, o idioma… O único galego que nos chegaba era o folclórico. Esa toma de conciencia foi unha das cousas que me fixo estoupar; tiven claro que non permitiría máis iso e empecei a preocuparme pola lingua, a estudar o idioma, a ler e escribir en galego.

Este mes publicas Se falase de min, que poderiamos definir como un artefacto máis que como un libro. Como xurdiu?

Tiña dous bloques de poemas que foron publicados hai moitísimo tempo e que quedaron mortos por razóns extraliterarias. Falei coa Editorial Elvira para recuperalos e alí emocionáronse co proxecto. Viron a posibilidade de poñerlle música e aí xurdiu a colaboración con Paco Ibáñez. Por outro lado, eses poemas necesitaban un apoio gráfico; entón contactei con Xulio García Rivas, que entende perfectamente a poesía que fago e que elaborou unhas pinturas que forman parte do libro. Como estaba a canción de Paco, falamos con Alberto Cunha para que lle puxese música a un par de poemas, pero emocionouse e musicou seis. O libro vai acompañado dun disco con esas cancións e con poemas lidos por min.

Co tempo, Paco Ibáñez e mais ti chegastes a trabar unha boa amizade. Como vos coñecestes?

REVISTA NOVEMBRO

Coñecín a Rafael Alberti a base de compartir momentos en Madrid. Houbo unha época en que el facía concertos con Paco Ibáñez, presentoumo, e foi como unha especie de frechazo. Aí trabamos unha relación que foi medrando cos anos e regaleille varios poemarios meus. Un día, ceando na casa del, colleu a guitarra e púxose a cantar o meu poema Paseniño, paseniño e quedei abraiado, a emoción foi brutal. A partir de aí, púxolle música a outros poemas meus.

Mencionabas a Paco Ibáñez como detonante da querenza que lle tes á poesía, logo puideches coñecelo e agora, ademais de amigos, colaborades xuntos. É emocionante, ou?

É do máis grande que me puido pasar. Igual que estar na casa de Dámaso Alonso, coñecer a Alberti, que me quixese tan ben Luis Eduardo Aute. Paco foi o causante de que eu sexa unha persoa que non só que se dedica a escribir poesía, senón a divulgala.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.