REVISTA FEBREIRO

Ante a dor, Zeltia Outeiriño filmou paxaros voando

Dúas semanas despois de encher os Multicines Norte, a cineasta galega, Zeltia Outeiriño González, volve proxectar a súa ópera prima, Filmei paxaros voando, en Vigo, a cidade que a viu medrar. O martes 18 de febreiro é o último pase nesta sala viguesa.

Fotograma do filme | Filmei paxaros voando (Zeltia Outeiriño González, 2024)

Hai dúas semanas, a proxección de Filmei paxaros voando nos Multicines Norte colgou o cartel de “Non quedan entradas”. Mesmo houbo xente que quedou fóra. Para satisfacer a alta demanda, a sala, xunto co equipo da película, decidiu engadir tres datas para que todos os que quedaron sen entrada poidan desfrutar do documental: os días 16, 17 e 18. A sesión do domingo, que contou coa presenza da directora ourensá Zeltia Outeiriño, gozou de boa acollida entre o público vigués, deixando poucas butacas baleiras.

Filmei paxaros voando é un retrato particularmente crudo e potente da vida. O que comezou como unha tentativa da autora por combater o desarraigo que sentía cara a súa terra e a súa familia, rematou por transformarse en algo ben distinto. Tras máis de vinte anos en Barcelona, Zeltia decide volver a Galicia e poñer o foco sobre o seu tío Antonio, un adiantado ao seu tempo e o único familiar no que logra ver algo de si mesma. Porén, conforme vai buscando información e avanza a rodaxe, esta figura vaise sustituindo pola da súa nai, Socorro, quen sempre lle producira un certo rexeitamento. A crecente enfermidade de esta obrígaa a pasar máis tempo con ela, redescubríndoa na fraxilidade dos seus últimos anos.

Mediante o contraste dunha gran exposición de momentos de intimidade con elipses deliberadas, tece un discurso que, máis aló do seu valor audiovisual, destaca por asumir un importante labor humano abordando e dando vibilidade a cuestións sociais importantes como a enfermidade, a homofobia, o machismo e a relixión. En definitiva, como mencionou a directora no coloquio, ante a dor e a dureza da vida, ela simplemente filmou paxaros voando.

SINOPSE

Logo de 20 anos vivindo en Barcelona, Zeltia volta a Galicia para filmar a memoria do seu admirado tío Antonio, un artesán textil que viviu intensamente na década dos 80. Este retorno provoca o encontro coa súa nai Socorro, unha muller conservadora á que Zeltia nunca quixo parecerse. O repentino empeoramento na saúde de Socorro cambia a mirada de Zeltia, que descubrirá un camiño de volta a casa difícil, pero tamén cheo de amor e coidados.

Eva Lago
Redactora