REVISTA OUTUBRO

A Deputación de Pontevedra plántase ante as violencias machistas con 25 accións culturais

A Deputación de Pontevedra presenta a súa programación ao abeiro da celebración do 25N, o día internacional contra a violencia machista. Todas as actividades englóbanse baixo o lema “Emerxencia Feminista. Posiciónate fronte ao machismo”, un berro de indignación ante a situación das violencias machistas que no que vai de ano suma a arrepiante cifra de 41 asasinatos e 1.074 desde o 2003.

Najla Shami na presentación da programación

A campaña provincial arrancou coa instalación de dúas grandes pancartas despregadas nas fachadas das sedes da institución provincial de Pontevedra e Vigo. Trala colocación da pancarta, as Ruínas de San Domingos foron o escenario
escollido para dar a coñecer o resto da programación, que volve ter o proxecto “Mulleres en Acción. Violencia Zero” como estrela e que se desenvolverá en varios puntos da provincia, incluíndo escolas e prazas públicas. O lema nesta VI edición é “Emerxencia cultural, urxencia feminista” e contará con 25 accións que se desenvolverán en 25 concellos de todas as comarcas a cargo de mulleres da cultura . As accións inaugurais, o propio 25 de novembro, serán performances e terán lugar na praza da Peregrina de Pontevedra, a cargo de Janet Novás, protagonista do cartel deste ano, e o día 26 no Museo Marco de Vigo con Mónica Aranegui.

As accións previstas tocan as distintas vertentes culturais. Desenvolveranse performances, dúas intervencións murais de gran formato, catro accións de danza contemporánea, sete accións escénicas, seis musicais (con Najla Shami, High Paw, Xoanam, Macarena Montesinos, María Villanueva e Nastasia Zürcher) e dúas accións poéticas. Como novidade, tres artistas plásticas e ilustradoras deseñaron máscaras de tea que se repartirán nos concellos onde se desenvolverán as accións: Laura Romero (ilustración artística); Gemma Marqués (pintura-acuarela) e Lara Lars (collage). Está prevista unha tirada limitada de 3.600 unidades As actividades poderán consultarse nun catálogo dixital que recolle todas as actividades.