CAMELIAS MASCOTAS

Ángel Stanich volve ao TerraCeo cargado de novas melodías e ironía

De estética ermitá, pluma aceda e voz estrafalaria, a proposta de Ángel Stanich é unha das máis interesantes do panorama estatal nos últimos anos. Con tres discos e varios EP ás costas, o compositor cántabro non deixa de sorprender co seu estilo único á marxe da calquera moda. Este sábado 18 actuará de novo no Festival TerraCeo, onde xa triunfou en xullo do pasado ano.

REVISTA NOVEMBRO

O 18 de maio de 2021 falecía o polifacético músico Franco Battiato. Seis meses despois Ángel Stanich publicaba Polvo de Battiato, o seu terceiro disco. Malia que o pareza, o título non ten nada de homenaxe póstuma ao italiano, se non que se trata dun xogo de palabras relacionado cunha sobremesa que facía a súa avoa, o polvo de batata. Este disco será o que presente o cántabro este sábado 18 na terraza do Mar de Vigo, dentro do Festival TerraCeo. Abrirá a velada a cantautora María SOA, membro do dúo Fillas de Cassandra e da banda de Berto. Na súa última visita a terras viguesas, o 17 de xullo de 2021, Stanich actuou no mesmo recinto precedido por Indomable. Naquela ocasión presentou os temas do seu recén publicado EP, Una visión global bastante aproximada.

Na música indie rock actual é habitual atopar dous tipos de letras: as misteriosas e ambiguas, con infinitas interpretacióins ao gusto do consumidor; e as sinxelas e directas, que con frecuencia xiran arredor do amor e o desamor. Por iso mesmo a irrupción de Ángel Stanich en 2014 con Camino Ácido, e a súa continuidade ata os nosos días, é un sopro de aire fresco á música e, sobre todo, á lírica en castelán. Os seus textos son irónicos, divertidos, actuais, apegadizos e repletos de referencias populares asentadas no imaxinario popular: Sabrina, Ronaldo, Manuel Campo Vidal, Kobe Bryant, El Gran Lebowski, o touro de La Vega, Alfredo Landa…

O primeiro que chama a atención do oínte debutante é a súa voz. Unha mestura entre Quique González, a nasalidade de Bob Dylan e o miaño dun gato. Non é doada, pero unha vez entras no seu universo non hai volta atrás. Ademais, co paso dos discos foi domándoa, sendo así máis asequible pero igual de hipnótica. As súas cancións están repletas de detalles, melodías imperecedoiras e liñas inspiradas. Folk, rock, psicodelia, pop, indie… o xénero é o de menos cando pasa polo prisma de Stanich. No mundo musical é aventurado facer apostas de futuro, pero este irreverente cantautor está a chamado en convertirse nun clásico da música española. Porque detrás deses quilos de pelame agóchase un dos artistas máis interesantes e esquivos dos últimos anos ao que paga a pena ver en directo sempre que se achegue polas nosas terras.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.