Andión: De tal pano, tal saia
Esta é unha historia de tradición, de xeracións e de artesanía. Unha historia de nai e filla, dúas Carmen, ambas con formación en moda e que levan no campo do téxtil máis de 40 anos. Todo empezou coa Carmen nai, que cosía roupa para familiares, amizades, veciñanza e mesmo para bonecas, ata que decidiu dar o paso e montar un taller de seu dedicado á confección á medida. Pola outra banda, a Carmen filla, con 12 anos de experiencia en empresas de moda internacionais, tiña ganas de crear e ideou unha marca que leva por nome o apelido do pai e avó paterno, respectivamente, de ambas as dúas Carmen: Andión, unha persoa moi humilde e sinxela que, asemade, mantiña un gran sentido da estética; con poucas pezas, facía que parecese que o seu roupeiro se anovaba a diario. Desa influencia, da forma de ver a vida do patriarca, xurdiu a filosofía da marca: a longa duración, o coidado dos tecidos e a boa combinación de pezas.
Desde un obradoiro rodeado de carballos e eucaliptos, as dúas Carmen escollen os tecidos e, a partir de aí, desenvolven a idea sobre un padrón para a creación de pezas únicas con toques románticos, marcadas polo tradicional bordado á man en moitos dos seus modelos, como as blusas denominadas «Amelia», «Celia» ou «Clarice», que plasman as personalidades de nai e filla, bordadoras desde a infancia. Na páxina web andionclothing.com atopamos vestidos florais con nome de muller, como o modelo «Laura»; camisas con grandes pescozos redondos que melloran calquera look, como «Alexa» ou «Emilia»; abrigos lixeiros e chalecos para estrear esta temporada; ou calcetíns de algodón feitos á man nos que é difícil non meter o pé. Como escaparate principal, a marca sérvese da conta @andion_clothing en Instagram, é aí onde se mostran os tecidos dispoñibles e as novas incorporacións ao catálogo.
Se estamos a pensar en investir nun abrigo, nunha blusa, nunha saia ou nun vestido especial e atemporal, pezas únicas e feitas á man, confiar na familia Andión é un acerto; estaremos a incluír unha pequena obra de arte no armario que pode pasar de xeración en xeración e que nos pode facer lucir de marabilla desde esta primavera.
Estela Gómez
Correctora literaria e redactora de contidos
Estela Gómez
Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)
- Triqueta Editora, pequenos grandes lectores - 7 Novembro, 2024
- Newt Crafts, artesanía arraigada - 27 Setembro, 2024
- Éxfico Clothing, recortes con estilo - 16 Xullo, 2024
- Noc Noc Estudio, a moda chama á porta - 21 Xuño, 2024
- Malahostia, moda con moito xenio - 27 Maio, 2024