REVISTA ABRIL

Alfonso Espiño: “A música é máis que unha profesión”

Despois de meses sen concertos, La Fábrica de Chocolate volve programar un, mais non vai poder ser no seu propio local. Este xoves 12 de novembro ás 20:00 a sala viguesa organiza a actuación de Espiño no Auditorio Municipal do Concello, cun reducido aforo de só 30 persoas. Falamos co líder da banda compostelá, Alfonso Espiño, sobre estes tempos estraños sen concertos, bandas galegas e de como descubriu a orixe dunha canción dos Beatles. Entradas dispoñibles aquí.

Semella que tal e como están as cousas, dar un concerto con toda a banda é un luxo.

Pois si. De feito eu nos últimos anos din moitísimos concertos eu só ou en dúo, e xusto agora, cando non se pode actuar diante do público, estamos tocando coa banda. Hai nada estivemos en Vigo outra vez gravando os Directos Xacobeo 21 na Sala Kominsky. Para min é moito máis pracenteiro tocar co grupo porque se aprecian moito mellor os arranxos e todas as filigranas das cancións, que están feitas para iso.

Como é a sensación para un músico de estar tanto tempo sen tocar ou tocando tan pouco?

Pois é horrible, que queres que che diga (risos). A música é máis que unha profesión. En primeiro lugar está o tema económico, xa te podes imaxinar: non tocar é non ingresar. Pero é moito máis que iso, non sei como explicalo. Supoño que a todo o mundo ao que lle guste a música coñece esta sensación, tanto se es músico como espectador. Fáltache vida, emoción, capacidade de transmitir o que levas dentro. Soa moi tópico pero é certo: a música para un músico é o sangue que corre polas súas veas.

Hai xa tres anos do teu único EP en solitario. Tes pensado sacar música nova proximamente?

Pois si. De feito xa estivemos facendo maquetas e hai temas novos. Algúns xa se estrearon en directo, outros están a piques de ser tocados en vivo. Por que Espiño non sacou nada novo nestes anos? Porque estiven liadísimo coa tese doutoral ata o ano pasado e agora estou traballando co Consorcio e a Universidade de Santiago na publicación do libro. Estamos cos últimos toques de maquetación e a finais deste mes entrará en imprenta para publicarse en decembro. Xa que non se poden facer moitos concertos, a gravación de temas e o lanzamento de discos son unha opción.

O libro e a tese da que falas, se non me equivoco, trata sobre a música pop en Santiago nas décadas dos 50 e dos 60.

Si, chámase Beat, pop e rock en Santiago de Compostela (1954-1978) e o libro vaise chamar Compopstela: música moderna en Santiago (1954-1978). Céntrase en Santiago pero hai unhas coordenadas históricas que afectan á música en Galicia e un pouquiño á música pop en España. Houbo bandas de Santiago que fixeron carreira en Madrid ou no estranxeiro.

Aquí en Vigo temos un libro parecido chamado Cróncias del Vigo Ye-ye, de Fernando Ferreira.

Si, é unha marabilla. Fernando é un bo amigo. Cando comecei a preparar a tese o primeiro que fixen foi mercar ese libro e aprender un pouco. Despois localicei a Ferreira e fun a Vigo a coñecelo.

A que dedicaches o teu tempo libre durante o confinamento? Aproveitaches para compoñer?

A maior parte do tempo estiven traballando no libro. Fixen algunhas cancións, gravei algunhas maquetas, din varios concertos en streaming… Fixen o que puiden. Xa cando saín fun dar algúns concertos eu só ao Courel, tamén á Coruña. Eu non o chamo tempo libre, porque sempre tes algo que facer e tentas que sexa produtivo. Tamén colaboro na Radio Galega de maneira semanal ou quincenal no Diario Cultural, poñendo o ollo na música galega mais tamén fago reseñas históricas. E tamén colaboro con revistas, como por exemplo Luzes. Fago un pouco de todo pero sempre relacionado coa música.

Como acabas de dicir, ademais de músico tamén es divulgador musical en diferentes medios. Que grupos galegos actuais nos recomendas?

Son moi fan de grupos de Santiago como a Ukestra do Medio, que son unha banda de ukeleles moi simpática e que soa moi ben. Recomendo moito os proxectos de Brais Sánchez, que é o guitarrista da miña banda, que ten varios grupos como Momboi ou Gancho Sánches. Son fan de Indy Tumbita tamén, que fai un montón de cousas. Encántame Fabio Mahía, de Fogbound, para min un dos mellores compositores do país, con diferenza ademais. Podería dicirche moitas máis… afortunadamente temos moitísima música onde escoller.

Moita xente non sabe que, ademais de ser un gran fan dos Beatles, tamén es un estudoso deles. Hai un ano aproximadamente que descubriches a orixe dun dos seus temas, Mean Mr. Mustard. Como foi o proceso?

Dino a coñecer hai pouco máis dun ano pero xa o tiña gardado desde hai cinco máis ou menos na hemeroteca. Eu estaba traballando na documentación da miña tese e basicamente o que fixen foi paparme todos os exemplares de El Correo Gallego desde novembro de 1957 ata decembro de 1978. Un por un, con guantes e máscara. Fun un pioneiro en usala (risos). Sacaba fotos a todos os artigos que me interesaban e despois o clasificaba todo en carpetas segundo a data, número de páxina, descrición, etc. Tamén consultei as versións dixitalizadas de La Noche, La Voz de Galicia e Faro de Vigo. Ademais de noticias sobre música en Santiago, gardei outras que me chamaron a atención. Mesmo teño unha carpeta con misterios, porque son moi fan de Íker Jiménez, e lle teño mandado algúns ao programa e respondeume que os investigaría.

REVISTA ABRIL

O caso é que atopei unha gacetilla titulada “Máxima tacañería” de 1967 e leo “Don Alexander Mustard”. E dixen “ui, isto a min sóame”. Eu sabía que John Lennon se inspirara en algo que lera nun xornal, porque o dixo nunha entrevista en Playboy en 1980, pero nunca se especificara en cal. Cada vez que aparece unha noticia nova dos Beatles a xente tolea, e eu sabía que iso estaba por descubir. Consultei a Beatles Bible e aí non estaba, agora si está, pero non din de onde sacaron. Púxenme en contacto con Mark Lewisohn (o único historiador profesional especializado en Beatles do mundo) e sorprendentemente contestoume e díxome que xusto atopara a mesma nova no Daily Mirror na Biblioteca Británica o día anterior. Non teño porque non crelo, porque despois compartimos información e os dous tiñamos cousas que amosarnos, pero el agora vai dando coferencias por aí e gañando cartos e eu non (risos).

Como influíron os Beatles na túa vida e na túa música? 

Para empezar eles son os responsables de que eu collese unha guitarra e de que empezase a cantar. Claro que teño outras moitas referencias pero para min eles foron a orixe de todo iso: tocar, cantar, compoñer e mesmo estudar a historia da música popular. Lendo a xente como Mark Lewisohn inspireime para escribir sobre o pop en Compostela. A miña tese non sería posible sen el, Salvador Domínguez, Fernando Ferreira e moitos outros.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.