Alberto Hortas, dos Goya ao Galician Freaky Film Festival
Alberto Hortas é o experto en maquillaxe protésica máis importante de Galicia. Do seu estudo en A Coruña saen moitos dos efectos especiais físicos que vemos nas nosas producións televisivas e cinematográficas. Puidemos ver as súas creacións de látex en películas como ‘El laberinto del fauno’, que o levou ás portas do Premio Goya, ‘Agallas’, ‘La sombra de la ley’ ou sobre as tablas co Centro Dramático galego.
Esta tarde, poderemos gozar das súas esculturas hiperrealistas, e a súa presenza no Galician Freaky Film Festival, o festival de humor, fantasía e ‘frikismo’ que se celebra esta fin de semana na Sala Videodrome (baixo do Mercado do progreso, con entrada pola rúa Velázquez Moreno). Ata alí desprazou parte da sua colección de máscaras e esculturas que presentará ás 20:00 horas xunto cunha pequena explicación do seu traballo e traxectoria profesional. Un pouco máis tarde, ás 22:00 horas, realizará unha demostración de maquillaxe protésica ante os asistentes ao festival.
Cando decidiches que querías ser maquillador con látex?
Foi mentres estudaba belas artes en Pontevedra e escultura na Escola de artes. Un día vin que no videoclip de ‘Thriller’ de Michael Jackson había un artista de efectos especiais de maquillaxe, era a primeira vez que oía falar da profesión e pensei que era o que quería ser. A partir de aí fixen un curso na Sala Nasa de Cangas e prácticas, coa sorte de facelas con Reyes Abades, un referente en efectos especiais físicos, na película ‘El espinazo del diablo’, de Guillermo del Toro. Entrei pola porta grande! E grazas a iso entrei en contacto con DTT, unha potente empresa coa que traballei en ‘El Laberinto del Fauno’, nominada aos Premios Óscar.
E tendo tanto éxito, como decidiches volver e abrir o teu propio estudo en A Coruña?
Na era de internet o lugar no que traballes xa pouco importa, pero onde queres vivir segue sendo unha decisión vital importante. Eu fun feliz en Madrid e Barcelona, pero quería voltar a Galicia. Ademais, sinto que non estar nunha gran cidade non limita as miñas posibilidades de traballar, pois sigo participando en proxectos nacionais e internacionais.
Crear o meu propio estudo, 4 ojos, deume, outra perspectiva da profesión. Agora mesmo son un ‘home-orquestra’: fago deseños, moldes, presupostos, limpeza… e tamén moitas recompensas! como estar na alfombra vermella dos Premios Goya, nominado polos esfectos de maquillaxe en ‘La sombra de la ley’.
Está claro que o cine é o voso cliente máis habitual, pero existen máis nichos de mercado para un maquillador e modelador coma ti?
Si, especialmente no campo da escultura hiperrealista, onde fago traballos para museos, por exemplo, unhas figuras de campesinos que fixen para o Museo de la Judía de Ávila, sen moldes, completamente desde cero. Foron dous meses de traballo para cada figura.
Canto tempo adoitas empregar nunha máscara para cine?
O proceso ten varias partes, todas elas laboriosas: facer os moldes, reproducilos en silicona, o modelado das faccións e finalmente pintala e engadirlle pelo, que ‘pinchamos’ practicamente un a un. Todo iso lévame aproximadamente tres semanas.
Que é o que máis te piden?
Traballo habitualmente para cine e series, e, aínda que eu gozaría creando máscaras de fantasía todas as semanas, o máis frecuente é atoparme facendo feridas, cortes, queimaduras, pequenas deformacións, barrigas de embarazada…efectos especiais de maquillaxe básicos. Intento combinar os dous tipos de traballos.
E desta nova etapa, hai algún traballo que lembres como un reto?
A ópera prima do cineasta coruñés Pedro Corredoira, ‘Feedback’. Foron moitas pezas en tempo récord: feridas de tixeiras, deseño de personaxes e máscaras, tatuaxes e mesmo unha réplica a tamaño real do actor inglés Paul Anderson.
Que poderemos ver de 4ojos estudio próximamente nas pantallas?
O proxecto no que traballo actualmente aínda non é público, pero no futuro gustaríame traballar máis en deseño de personaxes e aventuras de ciencia ficción. Agora mesmo estou acabando unha escultura titulada ‘A muller mutante’, inspirada nunha señora que vin un día en Coruña.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024