Alberte Mera: “Era unha débeda histórica cunha xeración que deu todo por Galiza”
Dentro do marco do Primavera do Cine, hoxe ás 18:00 no Auditorio Municipal preséntase o filme Reboiras. Acción e corazón, dirixido polo cienasta e xornalista vigués (e colaborador da nosa revista) Alberte Mera. Un traballo ambicioso e moi documentado sobre a vida de Moncho Reboiras, a última vítima mortal do franquismo en Galicia. A parte mala é que as entradas para a sesión de hoxe están esgotadas desde hai días, a boa é que se proxectará nos cines da Plaza Elíptica do 24 ao 27 de setembro, con presentación-coloquio o sábado 26. Debido ao éxito, ampliáronse as sesións aos días 30 de setembro e 1 e 4 de outubro, estes dous con coloquio co director. Podes adquirir aquí as túas entradas.
Desde a súa estrea en agosto en Imo, o filme leva percorridas numerosas vilas e cidades do país. E aínda tes máis pechadas ata novembro. Esperabas esta recepción tan positiva de público e salas, tendo en conta como está a situación actual?
A verdade é que estreamos nun momento un tanto incerto sen saber se algunha das proxeccións non sairía adiante por mor da situación. Polo de agora si, aínda que con capacidade máxima reducida, mantendo a distancia e as medidas de seguridade. É unha inmensa alegría ver como o público está a recibir o filme con tanto cariño. En Imo tivemos que facer dúas pre-estreas porque nunha non couberan todos os veciños e familiares de Reboiras que quixeron acudir. No cine Dúplex (Ferrol) desde o 12 de agosto estivo máis dun mes practicamente todos os días, e en Númax (Santiago) tamén.
A pesar de que esta é a túa quinta obra, é na primeira na que contas cun equipo amplo de xente. A que se debe este cambio?
É o primeiro que facemos cun orzamento importante, cos 20.000€ que recadamos grazas ás máis de 1.400 persoas que participaron no crowdfunding e grazas tamén ás axudas da Deputación da Coruña. Todo isto deu pé a podermos ter un equipo grande, que si que é certo que facilita moito o traballo pero tamén é máis laboriosa a dirección. Ademais é a primeira ficción que facía, alén dunha curta que fixera a modo de documental ficcionado. É o primeiro filme no que uso secuencias de ficción, e iso era un reto, pero cun equipo tan bo e cun elenco de actores tan profesionais foi un auténtico pracer.
Xa que falamos das partes de ficción, como foi a túa primeira experiencia dirixindo ficción histórica? Veste realizando máis nun futuro?
O filme, aínda que é un documental, non ten voz en off, porque buscaba que foran os protagonistas os que falasen, os 29 que entrevistei. Coñeceron a Reboiras de primeira man e foron protagonistas dunha xeración que prantou cara ao franquismo e pelexou por Galiza e pola xustiza social. A ficción ten un papel clave nesta obra porque rompe un pouco a cronoloxía temporal, e comezamos polo 12 de agosto de 1975 en Ferrol, cando asasinan a Reboiras. Iso xa nos ubica e nos contextualiza, e ademais xa lle poñemos rostro a un Moncho que coñecemos a día de hoxe polos murais e deseños que se fixeron. Un rostro que non era o real del, xa que utilizaba bigote postizo e perruca. Eu desfruteino moito a pesar dos nervios, traballo e da loucura que supón facer un filme cun orzamento que non deixa de ser pequeno para os custos do cinema. Quedáronme máis ganas de continuar na ficción, se é posible, claro.
Como falabamos, o documental conta con case 30 entrevistas, con partes de ficción e con material de arquivo. Como fixeches para comprimir tanta metraxe nunha hora?
Foron meses de investigación. Primeiro con entrevistas que non son as que se ven na pantalla, senón de documentación. Tamén a inmensa labor do irmán de Moncho, Manuel Reboiras, que nos deu documentación e fotografías que ata agora non eran públicas. Tivemos que enfrontarnos a máis de 30 horas só de entrevistas. O meu medo era o ritmo, que o espectador non fose expulsado do filme en ningún momento, senón que se adentrase na historia. Polas críticas que tivemos ata o momento e polos coloquios que realizamos penso que ese obxectivo está conseguido.
Polo que comentas non debeu ser doada a consecución de material de arquivo sobre un personaxe que actuaba na clandestinidade.
Non hai gravacións da época nin fotografías das actividades que levaban a cabo, porque evidentemente comprometería a vida de todas as persoas que saldrían nelas. Aí a ficción vólvese clave para adentrarnos na historia.
Semella que hoxe en día cun novo cinema galego máis centrado no intimista e no emocional, facer cinema político é ir un pouco a contracorrente.
Este filme ten bastante de intimista, porque o retrato que vemos de Reboiras é humano e persoal. Escapamos un pouco de facer unha aura de mito ao redor de Reboiras, senón falar de quen era realmente: un rapaz do rural que ten que emigrar a Vigo moi novo, traballa co seu pai sendo neno, intercala os estudos co traballo para poder costealos, participa cun papel protagonista nas folgas de Vigo de 1972 a través do partido do que foi dirixente, a Unión do Povo Galego, impulsa iniciativas a nivel social, sindical, cultural e labrego… Dígamos que é un filme político e militante pero tamén fala do íntimo e do persoal. Era unha débeda histórica cunha xeración que deu todo por Galiza e pola xustiza social.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024