Alaska: “O ideal na vida, e eu o teño, é que te paguen por facer cousas polas que ti pagarías”
Estamos máis afeitos a ver a Olvido Alaska enriba dos escenarios na súa faceta de cantante, pero esta polifacética muller volve a nosa cidade, nesta ocasión, coa obra de teatro ‘La última Tourné’. Xunto a ela estarán este xoves no Auditorio Mar de Vigo Mario Vaquerizo, Bibiana Fernández, Manuel Bandera, Marisol Muriel e Cayetano Fernández.
Este verán estiveches xunto a Nacho Canut no Auditorio de Castrelos, agora volves pero cun espectáculo que nada ten que ver.
Si, por sorte, xa estivemos co espectáculo anterior (El amor sigue en el aire) no Auditorio Mar de Vigo e despois do concerto do verán volvo con teatro que ten moitas diferenzas cun concerto.
Con que quedas ti?
Cos dous. Por iso estou como as tolas que remato unha cousa e comezo outra. A xira de teatro a rematamos en marzo que comezo cos concertos de Fangoria, e cando remate cos concertos en outubro volvemos retomar o teatro.
Non tomas un respiro entre unha cousa e outra?
Non pode ser, desta vez non pode ser. Xa será.
Supoño que iso tamén se debe a que te gusta estar enriba dos escenarios dunha ou doutra maneira?
Teño a sorte que ao longo da miña vida levo descuberto moitas cousas que me gustan: a radio, escribir nos medios, facer televisión, o teatro, nun momento dado gústame facer cine, os concertos… É unha trampa porque gústame facelo e non lle sei dicir que non a nada.
Iso é vivir intensamente.
Si desde logo, no fondo isto é un privilexio. Son afeccións que se converten en traballo, fago cousas que pagaría por facer. O ideal na vida, e eu o teño, é que te paguen por facer cousas polas que ti pagarías.
Que é o que máis te gusta do teatro?
Gústame o que ten en común cos concertos. Non comeza cando te sobes ao escenario. Senón cando saes da túa casa e sobes na furgoneta, paras cos teus amigos nunha gasolineira, comes, vas visitar un museo, non chegas, te pelexas, non te pelexas… Isto acontece tanto con Fangoria como co teatro. Polo demais e moi distinto porque no concerto fago o que me dá a gana con o que me dá a gana e aquí teño que cinguirme á dirección dun director e a un texto.
Como levas o de cinguirte a que te dirixan?
Ben, son moi disciplinada para iso. Cando fas isto é porque estás convencida, gústache a obra, gústache o director e te podes relaxar nas súas mans.
Nesta obra traballas xunto ao teu marido Mario Vaquerizo, como é traballar con el?
Nos coñecemos traballando, entón non ten misterio para nós. O que pasa é que cada un dos traballos que facemos é distinto. El cando traballa con nós como manager é moi cuadriculado con axenda e horarios coma eu, aí levámonos fenomenal. Logo cando facemos outro tipo de cousas como pode ser un programa de televisión, reality, concertos… aí xa non, porque eu continúo a ser igual de disciplinada e ordenada pero el precisa liberdade e ir máis ao seu aire; e aí xa nos levamos un pouco peor. Pero como no teatro ten que volver a cinguirse ao guión, ao que lle diga o director, temos que ensaiar e practicar aí volvémonos a levar fenomenal.
Tamén nesta obra compartes escenario coa túa boa amiga Bibiana Fernández, e case como estar en familia.
Manuel (Bandera), Bibiana (Fernández), Marisol (Muriel), Cayetano (Fernández)… somos todos amigos e descubrimos coa obra anterior que podíamos traballar xuntos, que nos gustaba. Foi entón cando nos plantexamos ser unha compañía estable de teatro que cada certo tempo ten unha obra nova escrita por Félix Sabroso, producida por Seda.
En ‘La última Tourné’ , encarnas a Paca Castellón. Fálanos dela.
A pobre Paca está moi perdida. Estamos no ano 91 e os espectáculos de variedades e de revista case desapareceran e o que quedaba era moi residual e con moi poucos medios e con moi pouco público. Estes actores vense na obriga polos promotores e polo propio público a cambiar, aínda que eles non quixeran. E Paca está moi perdida, porque ademais de que era a vedete cómica e perdeu a graza por outras cousas que lle aconteceron, está chea de medos e inseguridades porque o mundo que ela coñece está desaparecendo e non sabe como adaptarse ao novo.
Como ben dicías a obra enmárcase na España dos anos 90. É tal como ti a recordas?
Non, a verdade… Eu sempre vivín nun mundo paralelo, cando vexo eses documentais penso que esa non é a España que eu coñecín. Eses anos 90 de expansión, nos que comezaban as corrupcións e nos que se construíron eses auditorios de deseño en todas as partes e o diñeiro ía para as Expos e para as Olimpíadas… non era o mundo que eu vivía. Eu estaba con Fangoria, eramos un grupo ultra underground e realmente iso o víamos como unha anécdota pero non formaba parte da nosa vida.
A obra fala da necesidade de reinventarse. Ti que levas máis de 30 anos nos escenarios tiveches que reinventarte en todo este tempo?
Non, reinventarse parece unha obriga. Isto é o que lles pasa esta xente que lles obrigan a reinventarse, pero eu creo que eu e todos os que estamos nesa obra o que temos feito é evolucionar cara onde quixemos e como quixemos. No 91 podería poñerme por exemplo como azafata de Tele 5, que daquela era guai, pero eu fun cara onde eu quería ir. Claro que cambias e claro que evolucionas, pero ten que ser por que ti queres.
Polo que dis, para triunfar a longo prazo e poder vivir disto tes que loitar por facer aquilo que te gusta.
Eu penso que non hai que pensar en vivir disto, non hai que pensar en que te funcione. Hai que pensar en facer o que queres e unas veces sairá economicamente mellor e outras peor, pero co paso do tempo es dono do que ti fixeches e iso é o único co que podes quedar.
Pero se economicamente vai mal, moita xente tirará a toalla polo camiño…
Non hai por que. Se cando comezamos de pequenos era unha afección, pode seguir a selo. Para Fangoria o foi durante 10 ou 12 anos, traballabamos como DJs, eu traballaba na televisión, facíamos outras cousas, non só para vivir senón para facer os nosos propios discos, para alugar a sala na que iamos tocar…
Entón non todo foi un camiño de rosas na túa carreira.
Pasamos de vender un millón de discos con Dinarama a ter que editar o noso propio disco cunha tirada de 500 exemplares. E logo alugábamos unha sala de 200 persoas e igual non se enchía. Non todo foi fácil pero somos a proba de que se queres podes.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024