CAMELIAS MASCOTAS

Aira Editorial: Libros que entran polos ollos

A librería Aira das Letras abriuse en 2010 da man de Carlos Airas, trátase dun refuxio para os amantes da lectura no centro de Allariz, unha vila cada vez máis popular e turística. O espazo, cunha estética moi coidada, apostaba con firmeza polo libro ilustrado e a literatura galega. «Canseime de vender libros bonitos e quixen fabricalos», dixo Carlos un día. Foi así como en 2017 naceu Aira Editorial.

César Lorenzo Gil co libro Historia visual do RC Celta | P. Vázquez

O xornalista e escritor César Lorenzo Gil, cliente habitual da librería, sumouse a esta nova aventura como director editorial. A idea inicial era modesta: sacar uns cinco ou seis libros ao ano. Pero a pandemia da COVID-19, tan negativa para tantos sectores, fixo medrar o hábito lector na poboación e estes editores decidiron aproveitalo e arriscar. Publican arredor de 25 referencias ao ano, algunhas con grande acollida.

Aira é unha editorial xeralista que abrangue desde o ensaio ata o cómic, pasando pola novela, a tradución de clásicos e o libro ilustrado. Sempre en galego. Todas as publicacións deste selo : «É unha cuestión imaxinativa máis que económica, xa que o libro galego ten un mercado moi limitado; pero si que podes engaiolar a visión da xente a través das portadas, da edición, do formato… Hai quen di que o importante é só o contido, pero no caso dos libros non é certo», explica César, que pensa que ata hai ben pouco o libro galego nunca se caracterizara por un especial agarimo na parte visual. O feito de traballar na librería fíxolle ver que tipo de libros atraen máis a atención da clientela, algo vital cando esa mesma obra está rodeada doutras miles en aparencia semellantes.

Exemplos disto son dous títulos publicados: Atlas da Galicia pequeniña e Historia da Galicia pequeniña, ilustrados por Jorge Campos e redactados polo propio César. Entre os dous suman máis de 10.000 exemplares vendidos, unha cifra máis que notable tendo en conta que unicamente o 8 % dos libros que se venden nas librerías galegas están na nosa lingua. Seguindo esta liña, acaba de saír do prelo a terceira entrega da saga: As letras da Galicia pequeniña. Ademais, hai pouco que editaron un libro cunha estética similar para conmemorar o centenario do equipo celeste: Historia visual do RC Celta. Parte do éxito destes libros baséase en que están adaptados ao público de hoxe, fomentando a curiosidade, e que ofrecen diferentes niveis de lectura: desde menores ata adultos.

No apartado de narrativa temos, por exemplo, traducións ao galego da última gañadora do Premio Planeta, Sonsoles Ónega, ou da célebre escritora viguesa María Oruña. En canto a clásicos traducidos, podemos sinalar A dama de branco, de Wilkie Collins; O nome da rosa, de Umberto Eco, ou O Libro das Marabillas, de Marco Polo. No ámbito ensaístico destacan Reboiras. O camiño da rebeldía, de Xurxo Martínez González e Xosé Manuel Pereiro, ou as interesantes guías Dicionario da comida galega, de Xavier Rodríguez e Quero escribir literatura, de Manuel Veiga Taboada.

REVISTA NOVEMBRO

O agarimo estético do libro-obxecto, complementado cunha variedade de produtos de mercadotecnia, está a dar froitos nun sector complicado que ano a ano perde lectores potenciais. Ademais da grande e variada oferta literaria para todos os gustos e idades, Aira tamén conta con servizos de dinamización cultural, desenvolvemento de contidos, edición, produción editorial e revisión de textos (corrección de estilo, lingüística e ortográfica).

«O libro galego é moi variado e, a pesar da precariedade no apartado comercial e da nula presenza nos xornais, segue subsistindo e cada vez hai máis editoriais», afirma César Lorenzo, autor de A gran novela galega e recente gañador do Premio Torrente Ballester. É ademais crítico literario especializado nas nosas letras, polo que é unha das voces máis autorizadas para radiografar o panorama actual. Con todo, tamén pensa que existe certa «compracencia» e unha incapacidade de manter ese público infantil en galego que, ao medrar, renega da lectura no idioma propio. «Que pasa para que o galego asuste a partir dos 12 anos? Que está pasando nos colexios e institutos para que haxa tanta xente que siga acudindo ás librerías, pero renegando do galego?». Son preguntas para as que non acha resposta.

César ‘Cequeliños’ sostendo o seu libro A gran novela galega | P. Vázquez

Pablo Vázquez
Redactor

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.