VIALIA
CAMELIAS NADAL

Acampadas, artistas que non son, erros contractuais, músicos vigueses… así foi Castrelos 2024

Despois de máis dun mes de actuacións, a programación musical de Castrelos bota o peche ata o ano que vén. Nove concertos, unha ópera e catro espectáculos infantís formaron o programa deste ano, que tivo un custe aproximado de dous millóns e medio de euros. Imos repasar algunhas curiosidades desta edición de Vigo en Festas.

Público durante o concerto de Melendi | L. alonso

Ao presuposto de 2,8 millóns de euros que estaba previsto houbo que restarlle o caché da banda británica UB40 (291.368 €), que cancelou a súa xira por problemas de saúde do seu cantante. Sobre este grupo aconteceu unha cousa curiosa: malia que o Concello de Vigo anunciou que UB40 actuaría en Castrelos, en realidade quen ía actuar era UB40 feat. Ali Campbell, cantante orixinal que se separou do resto da banda (que segue a existir) en 2008. Xa que finalmente non actuaron a cousa quedou en anécdota, pero resulta bastante sorprendente (e neglixente) que un Concello anuncie o grupo que non é ou, aínda peor, que non saiba ben a quen está a contratar cos cartos do contribuínte.

Chama a atención que un artista que visita case todos os anos Galicia (este ano xa actuou no Son do Camiño) sexa o que, segundo algunhas fontes, logrou reunir máis xente en Castrelos no seu longo historial de concertos. Houbo fans que acamparon varios días no parque tanto para adquirir as entradas como para conseguir o mellor sitio o día do concerto. Tamén houbo estafas na revenda, agresións, ameazas e desmaios entre o público. Xornada movida para os servizos de seguridade.

Melendi | L. Alonso

O outro gran concerto (no que a cantidade de público se refire) foi o de Aitana, que pechaba en Vigo o seu Alpha Tour. A catalana, que ostenta o récord do caché máis alto deste ano en Castrelos e o segundo máis elevado da historia (786.500 €), ofreceu un show repleto de luces e coreografías onde repasou gran parte dos seus tres discos. O gran debe da superestrela do pop foi a duración do concerto: non chegou á hora e media que esixe o Concello ás promotoras á hora de contratar os concertos de Castrelos. Eses minutos de menos quizais se deberon a que non houbo cambio de vestiario, algo que si que acontece no resto dos seus concertos. Aínda que a música non é algo que vaia ao peso (non necesariamente máis é mellor), o mínimo cando cobras esas cantidades é cumprir co acordado.

Aitana | P. Vázquez

Unha das novidades desta edición de Vigo en Festas foi a incoporación de Rigoletto, a famosa ópera de Giuseppe Verdi. Hai décadas era habitual que en Castrelos se programasen zarzuelas e espectáculos líricos do estilo, polo que dalgún xeito resultaba unha volta ás orixes. O público, que encheu todas as cadeiras da pista (de balde, nesta ocasión) e tamén as gradas do anfiteatro, saíu do recinto con moi bo sabor de boca, coa esperanza de que esta sexa unha tradición que se manteña en anos vindeiros.

Nos anos oitenta as bandas locais eran un dos grandes atractivos da programación de Castrelos. Nos últimos anos podemos contar os artistas locais que subiron a este escenario cos dedos dunha man, e sóbrannos varios dedos. Desde que Aphonnic abriu o concerto de Anthrax, en 2016, só Woyza & The Galician Messengers en 2022 e a Coral Casablanca, habitual nas programacións dos últimos anos, actuaron no grande auditorio olívico. Desde aquelas, e a nivel galego, pisaron estas táboas Tanxugueiras, Luz Casal, Laura Lamontagne, Furious Monkey House e Xoel López, en dúas ocasións. Sen Senra, aínda que naceu en Forcarei, pasou a maior parte da súa infancia en Vigo, onde formou a súa primeira banda Demonhigh. O músico local encheu toda a pista e gran parte das gradas no seu regreso a casa, no que supón a primeira actuación dun músico local como artista principal desde Siniestro Total en 2012. Unha escena esquecida polo Concello que desde hai anos vén reclamando un oco nas programacións municipais.

Sen Senra | L. Alonso
CAMELIAS NADAL

Tras unha saborosa actuación de Xoel López, que cada vez está máis a gusto no seu disfraz de Juan Luis Guerra galego (versión de ‘Ojalá que llueva café’ incluída), chegou a quenda de Vetusta Morla, co plus de que este sería o seu último concerto en Galicia ata, polo menos, 2026. Os madrileños realizaron un gran concerto no que repasaron case todos os seus discos, incluíndo o último Figurantes, pero o certo é que a súa última aparición en terras galegas tivo lugar este sábado 17 ao mediodía no Náutico de San Vicente, no Grove, pero ante un público moito menos cuantioso.

No amentado prego de contratacións que o Concello pon a disposición das promotoras para que propoñan artistas, algunhas das conidcións son que sexan quen de reunir polo menos a 15.000 persoas no auditorio, que teñan premios musicais e moitos seguidores en redes. En ningún destes casos o organismo municipal parece fixarse na calidade artística, na variedade estilística ou na orixinalidade da proposta. O certo é que nos últimos anos estamos a ver un descenso no relativo á variedade de xéneros, co pop e as músicas urbanas e latinas copando o cartel. Este ano, por exemplo, non houbo nin rock, nin jazz, nin metal, nin rap, nin folk, nin country, nin electrónica, nin punk, nin world music Tampouco houbo case rastro de artistas internacionais: só Luis Fonsi, que vive parte do ano en España; e UB40 ft. Ali Campbell, que finalmente cancelaron.

Dani Fernández | L. Alonso
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.