Abre horizontes musicais co novo ciclo #OnTheRadar
Xa están confirmados os doce artistas que conforman este novo ciclo #OnTheRadar que terá lugar en Radar Estudios desde xaneiro ata abril. Entre os xéneros musicais atopamos surf rock, disco oitenteiro, folk, acid jazz, psicodelia ou electrónica.
O ciclo musical máis ecléctico da cidade xa ten novas confirmacións para os próximos meses, e non son poucas. #OnTheRadar son unha serie de concertos patrocinados por SON Estrella Galicia que teñen lugar en Radar Estudios, que trae á nosa cidade a artistas independentes e internacionais, moitas veces de estilos non tan maioritarios. Outra das súas particularidades e que todos os concertos son emitidos en streaming a través do Facebook da sala.
O último ciclo, que tivo lugar entre outubro e decembo do ano pasado, trouxo a Vigo aos Boogarins (Brasil), Miho Hatori (Xapón), Sea Moya (Alemaña), Al Doum & The Faryds (Italia), Medicine Boy (Sudáfrica) e The Oscillation (UK).
Nesta ocasión, os artistas que se subirán ao escenario de Radar Estudios serán a banda de shoegaze Holy Motors (Estonia) o 12 de xaneiro, a cantautora folk Leah Senior (Australia) o día 18, a banda de jazz Tamar Aphek (Israel) o 20, o músico folk experimental David Allred (USA) o 26, Paddy Steer (UK) co seu acid jazz e música tropical o 2 de febreiro; Bear Bones, Lay Low (Bélxica) traerán a súa electrónica tropical o día 3, o músico disco oitenteiro Donny Benet (Australia) o 4, Sun Araw (USA) co seu neo-dub o 14, surf rock da man de Ouzo Bazooka (Israel) o 22, a cantautora de indie folk Laura Gibson (USA) o 7 de marzo, a tamén cantautora folk Josephine Foster (USA) o día 21, e o grupo de drone e krautrock Cave (USA) o 4 de abril.
Variedade de estilos e procedencias nestes doce concertos, que terán lugar tanto nas fins de semana como durante a propia semana (Donny Benet un luns e Sun Araw, Josephine Foster e Cave un xoves). Unha oportunidade única de abrir horizontes musicais e realizar unha viaxe musical por todo o mundo sen saír de Vigo.