PORTAMERICA
REVISTA NADAL

Abre a Comicteca, un espazo pioneiro dedicado ao cómic con máis de 1500 exemplares

O pasado xoves Afundación presentou no Teatro García Barbón a Comicteca, un fondo integrado por 1500 cómics e novelas gráficas que ten como obxectivo promover esta disciplina artística como unha ferramenta didáctica. A Comicteca permanecerá aberta ao público nos horarios habituais da biblioteca do teatro. Preme aquí para consultar o catálogo.

Presentación da Comicteca, co impulsor Asier Mensuro (segundo pola dereita) | Cedida

Por fortuna, hai xa tempo que os cómics deixaron de verse como un simple entretemento para a prapazada para converterse no que realmente son, obras artísticas. Así o entende Afundación, que vén de inaugurar o pasado xoves 19 no Teatro García Barbón a Comicteca, un espazo dedicado integramente a esta arte que actualmente conta con 1500 exemplares, cedidos por Asier Mensuro, impulsor da iniciativa, e Octavio Beares. Esta iniciativa, pioneira en Galicia, irá aumentando o seu fondo coa colaboración de distintas editoriais e particulares e xa conta coa súa propia web.

A Comicteca ten como obxectivo promover esta disciplina artística como unha ferramenta didáctica e dinamizar a difusión de novas linguaxes e disciplinas artísticas, á vangarda das inquietudes dunha sociedade que precisa de espazos renovadores que respondan ás demandas dun público aberto, plural e global. Todos os exemplares poden consultarse tanto en sala como en préstamo a domicilio, unha vez se formalice o carné de socia ou socio da Biblioteca Afundación. O espazo permanecerá aberto ao público nos horarios habituais da biblioteca do teatro: de luns a venres, de 9:00 a 14:00 e de 15:00 a 19:00 ,e os sábados, de 9:00 a 14:00.

Exposición sobre cómic na sede de Afundación en 2018 | B. Barros

A peza máis antiga é a obra completa de Little Nemo, de Winsor McCay (cuxos orixinais se publicaron entre 1905 e 1911 no New York Herald), no referente ao ámbito estadounidense; verbo do panorama europeo, Spirou, de Émile Bravo, é o título de maior veteranía; mentres que no contexto español, conta a Comicteca con El capitán Trueno, de Víctor Mora e Miguel Ambrosio (Ambrós), e Todo barrio, de Carlos Giménez.

Canto a Galicia, onde a ilustración gráfica e a banda deseñada veñen tomando un forte impulso nos últimos tempos, atopamos traballos publicados, tanto en galego coma en castelán, por sinaturas como Miguelanxo Prado, Bea Lema, David Rubín, Miguel Rojo, Alfonso Barreiro, Pablo Prado, Xaquín Marín… A Comicteca inclúe tamén unha variedade de fancines publicados en lingua galega, así como publicacións periódicas tales como Autozine, do festival coruñés «Autobán». Unha parte importante deles están realizados por autoras e autores galegos (algúns emerxentes, outros xa consolidados), como Jacopo, Diego Omil (un dos dous compoñentes de Los Bravú), Teresa Ferreiro ou Begoña García-Alén.

Ilustración de David Rubín, parte dunha exposición promovida por Afundación en 2019 | P. Vázquez

Ademais, unha das riquezas deste novo foro de cultura e coñecemento reside en que todas as etapas do cómic están representadas, con obras e autorías que marcaron un antes e un despois, para cuxa contextualización tamén se atopan neste fondo as obras sobre teoría do cómic e os artigos ao respecto asinados polo propio Asier Mensuro. Sumado a este aspecto debemos destacar o feito de podermos contar, nestes fondos, con pezas consideradas de culto e asinadas por verdadeiros referentes da novena arte e que, nalgúns casos contan cunha consulta exclusiva en sala precisamente pola rareza dese volume, que demanda unha atención específica.

VINA COSTEIRA

Esta iniciativa súmase a outras que nos últimos anos están a revitalizar o mundo do cómic na nosa cidade. Falamos do festival Banda á Feira, que se celebra no Calvario desde hai tres anos, ou o concurso de cómic que organiza desde hai dúas edicións o festival Galician Freaky Film Festival. A isto hai que sumarlle as numerosas tendas especializadas no xénero (Cómics Vigo, Mazinger, Banda Deseñada, Sousa Cómics…), escolas de debuxo (Kame…) ou autores e debuxantes, como Álex Cal, Pepe Carreiro, Fernando Llor, Ramón Trigo, Miguel Porto, David Braña, Pablo Carreiro ou  Iago Losada. Preme aquí para ler a reportaxe que fixemos sobre Vigo e o cómic na revista de maio de 2023.