Abi Castillo: «O das camisetas de Zara foi un éxito para min»
[Entrevista publicada na revista de novembro de 2019]
Alba Castillo (Vigo, 1987) máis coñecida como Abi, é unha das artistas máis prometedoras que por aquí temos. Os seus debuxos chegaron primeiro ás rúas, grazas ao programa Vigo Cidade de Cor, e agora percorren todo o mundo en pezas de vestir, despois de ser seleccionada para a colección Women in Art de Zara.
Cando empezaches a debuxar?
Soa típico, pero empecei a debuxar de pequena. Parei nalgún momento, pero sempre me gustou.
Cando decidiches a dedicarte profesionalmente a isto?
Antes dediqueime a outra cousa, foi cando esoutra cousa rematou: eu, que ata entón sempre tomara a pintura como entretemento, pasei a encarar esa actividade como unha opción profesional. Púxenme a dedicarlle máis tempo e empecei a ver camiño por aí.
As túas ilustracións teñen un trazos moi característicos. Foron sempre así?
Facer así os rostros vén da incapacidade de facer un retrato realista. Non se me daba ben, non me saían. Entón busquei unha maneira máis esquemática, máis ríxida, e creei a miña propia forma de representar as caras. Aínda que, obviamente, teño referentes. Gústame moito Maruja Mallo. Eses rostros de narices tan rectos sempre me chamaron a atención.
Hai algo de oriental nos teus debuxos.
Si que o hai. Levo uns anos intentando aprender cerámica. O mundo oriental e a cerámica están moi vencellados. Por outra banda, un dos meus mellores amigos marchou vivir a Taiwán e creo que a morriña que sinto por el me inflúe, e máis despois de visitar aquel lugar.
Non temes verte encadrada no teu propio estilo?
Gústame facer personaxes. Sempre intento que cada un deles teña un aspecto propio, personalidade e espazo en relación con outros debuxos. Supoño que co tempo todo pode ir cambiando e evolucionando. Fago o que me gusta. Mentres a min me satisfaga, supoño que o demais non me importa tanto.
Como viviches que Zara seleccionase tres das túas ilustracións para a súa colección Women in Art?
O certo é que foi impresionante. Eu non tiña contactos con ese mundo, coñecéronme por feiras nas que participei e a través do Instagram. Que me incluísen nese proxecto pareceume superguai, sobre todo pola repercusión que ten. Foi unha campaña mundial, escribíronme de todas as partes, de algúns sitios cos que nin contaba. Foi marabilloso, tivo unha acollida moi boa.
Viches pola rúa algunha das túas camisetas en alguén que non coñeces?
Vin. Ao primeiro, unha chea de xente á que non coñecía de nada me enviaba fotos coas camisetas a través do Instagram. Foi unha pasada.
Aquí tiveron moita repercusión…
Síntome moi agradecida con Vigo en concreto. Aquí a xente sempre me apoiou moito. O das camisetas, para min, foi un éxito. Non sei se foi tal a nivel de vendas, porque non teño esa información, pero foi un éxito para min.
Valoras a posibilidade de levar as túas ilustracións a máis camisetas alén desta colaboración puntual co grupo Inditex?
De feito, xa tiña a idea antes de que saparecese a posibilidade con Inditex, pero estiven a outras cousas. Este Nadal vou sacar, polo menos, unha camiseta; xa teño o deseño, a ver se ten o mesmo éxito.
E como che xurdiu a oportunidade de pintar murais?
Eu xa participara co programa Vigo Cidade de Cor para pintar no CEIP García Barbón. Como me gustou a experiencia, volvinme presentar ao programa para pintar medianeiras e seleccionáronme. Tiña gana de enfrontarme ao gran formato.
Como foi a experiencia?
Pintar un mural é duro, porque estás na rúa en contacto coa xente. Aínda que iso poida ter unha parte positiva, ás veces é complicado porque hai persoas ás que non lles agrada este tema. Pero creo que foi unha boa experiencia. Aínda que é certo que, ao non estar afeita a algo tan grande, supón moito esforzo físico. Pero creo que o compensaba co moito que me enchía estar pintando.
E coa satisfacción de ver o resultado, non si?
Si, claro. Hai xente que vén sacar fotos aquí, xente que me escribe… A partir de todo iso, tamén xurdiron outros traballos.
Que quixeches expresar no mural?
A zona estaba bastante deprimida, todo era gris, estaba bastante sucio e as veciñas que se achegaban dicíanme que querían cores. Así que intentei darlle un espírito novo: colorido, flores, natureza, un xardín… As mulleres do mural aparecen sostendo un floreiro, unha planta… Querendo dicir que de algo gris pode xurdir algo de cor, con vida.
Que che parece o proxecto de levar murais ás medianeiras deprimidas?
Paréceme moi positivo. Todos os días facemos o mesmo camiño ao traballo e creo que é importante atopar cousas que nos poidan achegar algo, que nos fagan reflexionar ou, simplemente, dar con algo bonito que nos alegre o camiño.
Tamén ilustraches o libro Pioneiras 2: Galegas que abriron camiño, de Anaír Rodríguez. Como apareceu ese traballo?
Un día recibín a chamada da autora, cousa que non esperaba e que me fixo moitísima ilusión. Eu xa ilustrara un libro da Editorial Elvira (O corazón tecido de Catarina) e quería retomar iso. Traballar con Anaír foi xenial, é moi amable e estaba moi aberta ás miñas propostas. Tamén deu gusto o trato coa editorial Xerais.
Que a muller estea tan presente na túa obra é algo intencionado?
Desde logo. Como muller, intento reflectirme en todo o que fago. Ao final sempre leva unha parte de min, é como máis cómoda me sinto.
E como te aproximaches ao mundo da cerámica?
Xogando, quería facer pequenos accesorios. Sempre me gustou o tema dos abelorios: aneis, colares, pendentes… e descubrín que me apetecía moito desenvolverme nese oficio porque, ao traballar en volume, parece que todo cobra vida. Estás xerando unha peza que ocupa un espazo e interactúas con ela doutra forma.
Ese labor estalo a aprender na Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO). Como é estar alí?
É unha pasada. Estou aprendendo cerámica con Miguel Vázquez e creo que case ninguén sabe o que verdadeiramente se coce alí dentro. Creo que a EMAO debería ser un centro de visita obrigada. A xente debería pasar por alí para coñecelo, ver o que se fai, poñer en valor o que pasa nesa escola. Saíron de aí artistas dun nivel incrible. Debería ter un recoñecemento superior e recibir moito máis apoio.
Que proxectos tes en mente para proseguir o camiño?
A curto prazo, estou a ilustrar disco da cantautora Ari Magritte. Tamén estou producindo cousas para levar aos mercados do Nadal e teño senllos proxectos de libros, un con Xerais e outro con Galaxia, para o ano que vén.
Pensas que se recoñece o traballo ben feito?
O recoñecemento chegoume hai dous anos, como moito. Pero todo o traballo que levo facendo na casa, sen ningunha pretensión, non se valorou ata o de agora. Ao final é un traballo de constancia, de insistir e ter paciencia.
Como valoras o nivel municipal de artistas plásticos e da ilustración?
Penso que temos xente moi boa. Levo tempo seguindo o traballo de artistas como Liquen, Pelucas ou Peri. Toda esta xente leva moitísimos anos traballando, tamén no plano internacional. Paréceme que temos artistas do melloriño. Deberíaselles dar moito más valor.
Texto: Tamara Novoa
Fotos: Pablo Vázquez
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024