VIALIA
bannerPicnicSesions

Tony Lomba e Elio dos Santos: “Somos xograres da música lixeira”

Os reis da música lixeira están de volta. Como cada ano por estas datas, o dúo formado por Germán Fandiño e Eladio Santos (AKA Tony Lomba e Elio dos Santos) reunirá a decenas de fieis na Fábrica de Chocolate, este ano repartido en dúas xornadas: o xoves 27 e o sábado 29. Despois de estar todo o ano cos seus respectivos proxectos, xúntase para dar renda solta ás súas inquedanzas máis estrafalarias e musicais. Colámonos nun dos seus ensaios para escoitar en primeirísima persoa o seu novo hit, Ay Yoli Yoli, e charlar un rato con eles.

Sen saber como vai a venda de entradas, os últimos anos vén sendo habitual o sold-out. Aínda vos sorprende esta resposta da xente?

Tony Lomba: Joder, sorprender sorpréndeme o que ocorreu en Andalucía [nas eleccións autonómicas]. Connosco saben que van gozar, non a odiar.

Elio dos Santos: Bueno… a min si me sorprende, cando vexo cola na porta e todo.

A pesar do éxito que sempre obtedes nestes concertos, durante o resto do ano apenas vos deixades ver con este formato. Non pensastes en xuntarvos máis a miúdo?

TL: O nivel de soportabilidade de dous frontman é moi complicado. Aínda que o manufacturemos de maneira moi diferente. Eu vou de fronte e Elio é un puto covarde. Iso si, un respetito.

EdS: Si, creo que acabariamos mal (risos). De todas as maneiras algún concerto noutra data adoita caer, algunha festa ou evento privado, algún festival que nos mole especialmente como o de Cans… este ano fomos a Ferrol ás Meninas e foi bárbaro.

Mentres que a Eladio adoitámolo ver xunto aos seus Seres Queridos, a ti Germán o normal é verte a ti só sobre un escenario. Atópaste máis cómodo á túa bóla que en grupo?

TL: É que o meu é algo artisticamente esquizofrénico e que son incapaz de repetir. Teño a frustración de non ser músico, o meu cu voa, e a obcecación de dalo todo no escenario. Teño bo oído e capacidade creativa instantánea. Son vítima do REC. Aquí te pillo, aquí desaparece.

O hit do ano pasado e parte deste foi ‘Vaya tío’, dedicado ao noso Alcalde, ao que mesmo puidémolo ver bailándoa. Esperabádesvos chegar a ver algo así?

TL: Con Abel Caballero nada é imposible. A próxima saga de Star Trek vaise gravar aquí. É un tío moi especial. Para o bo (goleada co da luminotecnia) e para o malo (con el ou contra el). O que non entendo é a agresividade dos prol e dos detractores. O noso é unha canción. Non nos casamos nin casaremos con ninguén do mundo da política. Temos un rexedor do cabido que está “clonao”.

EdS: Bueno… dalgunha maneira eu creo que entendimos que o tema ía rular e que tiña graza, morremos da risa gravándoo e iso é moi bo sinal. De feito, Tony sen esperar a ter a versión definitiva compartiuno nun grupo de WhatsApp e de súpeto o tiña todo o mundo… case o mato.

Como é o voso proceso á hora de compoñer?

EdS: Sempre ensaiamos de mañá, ás 10:15 Tony entra pola porta, eu fago rodas de acordes, el canta por enriba, ás veces con frases máis ou menos tolas pero que van tomando forza e sentido. A melodía é desde o primeiro momento cojonuda e busco un pequeno desenrolo, pero sen complicalo demasiado para gravalo canto antes. O 70% da voz da versión definitiva está xa nesa toma, só retocamos algunha frase. Pola tarde edito cousas, localizo as mellores xogadas e repítoas. Métolle baixo, batería, guitarras e fondos de corda. É un proceso moi rápido e divertido porque todo está xa suxerido nesa toma de voz. Ao dia seguinte Tony máis fresco suxíreme algún corte ou repetición máis… algún final e xa está.

A canción deste Nadal trata sobre un dos temas do momento: Rosalía. Ao contrario que na do ano pasado, nesta letra xa non hai ironía, senón admiración pola cantante catalana. 

TL: As cousas cambiaron moito. Eu non soporto o autotune nin todo este macarreo sensual que se está a fabricar agora. Rosalía é unha artista con moito tronío e contemporánea. Guste ou non. Sabe o que fai e ten un virtuosismo envexable. Está formada, adestrada e sabe o que quere. É unha Lady Gaga de raíz. A xente ten que escoitala cantar flamenco, en inglés…é unha crack. A miña admiración absoluta. Aínda que sempre haberá detractores sen fundamento tocapelotas. La Leyenda del Tiempo… sóavos?

EdS: Impresionoume moito o seu último disco, creo que é un paso máis no tremendo peso que está a coller a produción na música actual. Encantoume tamén o debate, todo o mundo discutindo sobre un disco de música.

Que é para vós a música lixeira?

TL: Para min é a vida. O amor, o desamor, o ex-amor… o sentimento a flor de pel. A cinta borradora do pudore. Somos xograres da Música Lixeira. É a canción perfecta. A proposición que todo teenager quere facer e non lle saen a palabras. É o acougo recitado dun amor tolo. Música Lixeira? Somos nós.

EdS: Encántame o desenfado e a procura da melodía sen pudor, niso coincidimos moito Tony e máis eu co da música lixeira. As formas clásicas, a musicalidade das letras e o romanticismo desatado e explícito. España é moi tesa á hora de escribir cancións….máis que América. Fíxate que Tony pon moitas veces instintivamente acento suramericano, crea un crooner da OTI ou Viña del Mar. Dicir “espesial” e non “especial” fai que funcione todo.

Saberiades dicirme como e cando xurdiu esta idea dos concertos de Nadal?

TL: Deixámolo pola xente que non viñera aos nosos concertos e dicían que eramos uns cachondos, sen saber que hai música e da boa nas nosas composicións [referíndose a ‘Los tres sudamaricones’, banda que formaron Tony Lomba e Eladio Santos no pasado]. Ao pasar uns anos…necesitabámonos para expresar un estilo musical, que a día de hoxe non sei como definilo. Un día, dixemos: “facemos un concerto? Pois veña. O día dos Santos Inocentes…e a ver que pasa.” Petámolo. A partir dese día démonos conta que por moito que se esmere o alcalde, os nosos shows son a sabia elaborada de Vigo.

EdS: Tampouco creo que nos foramos nunca. Tocamos con máis frecuencia e periodicidade que moitas bandas vivas, simplemente saímonos da batalla, deixamos de sacar discos e pasámonos ao cabaret do Nadal. Agora que o penso en realidade todo isto comezou con Los Tres Sudamaricones facendo un concerto de Nadal en La Caverna, no ano 94. O noso destino xa era do Nadal.

Eladio, que cara crees que che define mellor, a que vemos cos Seres Queridos ou a que vemos con Tony Lomba? 

EdS: Non ten nada , nada que ver… Con Tony sempre me sentín como un espectador de luxo, moitas veces síntome sobrepasado… eu, como o público, tampouco sei moi ben que vai pasar. Por unha banda gústame gozar de tocar sen cantar, sen estar tan exposto, sen ser tan responsable do que pase; pero tamén me pon nervioso non saber por onde me vai a saír o Tony, é moi vertixinoso.

Por que decidistes revivir este Nadal a polémica do ano pasado con Intereconomía, La Gaceta e Okdiario?

TL: O ano pasado, fixen cábalas coas miñas neuronas e dixen: “dar para comer ao rancio? Ignora e gañarás”. E gañamos por goleada. Aínda que tiña moitas cousas que dicir. Este ano, o único que fixen é sacarlle a máscara a máis dun botarate que non entende que hai que rir, desternillarse, mofarse dun mesmo e pegar unha hostia na mesa a toda esa merda que nos dirixe. Non somos analistas políticos. Somos persoas que nos asusta esa besta negra facha que acaba de sacar os demos que tiña este país. Tiña ganas de plantarlle cara a ese talante chulesco e clasista que se fixo con eses pasquíns “xornalísticos”aos que lles segue a xente ou chusma. Para flipar.

EdS: A verdade… xa pasaran os concertos de Nadal así que non o comentei nin o puxen en redes, nin sequera faleino máis que de pasada con Tony. A movida foi en febreiro ou marzo, creo. Non quería darlles bóla nin compartilo pero agora pensei que estaba ben sacalo para que, polo menos a xente que nos coñece, comprenda como xeran fake news e odio este tipo de medios. Imos usalo polo menos para promocionarnos un pouco, asi que o puxen. Sorprendeume que case ninguén o vise no seu día.

Como vos definiriades o un ao outro?

TL: Un verdadeiro depredador da sutileza na grupa deste cabalo tolo. Unha boa persoa, aínda que me caen mellor os seus pais (de casta vénlle ao galgo). Un ‘pepino’ de creator. Adoro as súas composicións. Sempre metendo a tesoira ás miñas aloucadas visións escénicas (que lle dean). Un tío simpático.

EdS: Unha voz e unha creatividade descomunal. Recordo moi ben a primeira vez que lle oín cantar a pelo, sen micro cando aínda nin tocabamos xuntos. Nunca oíra de preto unha voz así. Aínda hoxe ségueme a sorprender o fácil que é gravala… non hai que facerlle nada. Non creo nos horóscopos pero sempre o defino como un tauro prototípico, un puto touro indomable e nobre. Levoume moitas veces ao límite e deume valor para facer cousas como montar un grupo coas miñas cancións. Despois duns meses de tourné con Tony por capitais de provincia nos 90 pérdeslle o medo a todo.

REVISTA ABRIL

Que nos podedes adiantar do voso 2019?

TL: Xa estou a ver o cartel: Teloneiro – Elio dos Santos / Cabeza de cartel – Tony Lomba sen encordios. Bolazo. A 40 pavos o ticket (5 para Elio e o resto para min). Isto debería ocorrer desde fai moito. Don´t break our chemical… never. You´ ll be sad.

EdS: Levo anos dicíndolle que gravemos un disco, un directo ou algo…pero nada, ao final sempre pasa e se escaquea… Quizá colla todas os demos e faga algo sen que se decate, teño horas e horas de ensaios e improvisacións.

(GMT+01:00) La Fábrica de Chocolate


(GMT+01:00) La Fábrica de Chocolate

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.