ASNEVES
REVISTA MAIO

A viguesa Sila Lua volve a casa por Nadal para romper con todo

Despois de percorrer toda España ao longo do ano, a artista viguesa Sila Lua pecha a xira do seu primeiro disco Rompe o xoves 28 en casa, na sala Radar Estudios. Merca aquí as túas entradas.

Hai pouco máis dun ano vía a luz Rompe, o álbum debut de Sila Lua, unha artista metade viguesa e metade canguesa que vén de percorrer España presentando a súa música ao longo de 2023. Para pechar esta viaxe escolleu a olívica sala Radar Estudios: “Para min era moi importante que o último concerto fose en Vigo. Seguramente despois desta actuación cambie o show a unha cousa totalmente distinta”, di a cantante. No escenario estará acompañada pola percusionista arxentina Gala e a DJ e multinstrumentista italoperuana Greta.

Rompe (xa dispoñible en vinilo) é un álbum conceptual que xira arredor da temática marítima. Un traballo “especial e diferente”, en boca da súa autora, que mestura pop, electrónica, música urbana e hip hop. O disco abre con ‘La Hija del Capitán, un tema baseado no seu bisavó, un mariñeiro que faleceu nun naufraxio na costa entre Marrocos e Canarias. A partir de aí o disco explota en diferentes vertientes sonoras, sempre coa electrónica como fío condutor: “Facer Rompe foi como entrar nun laboratorio e tratei de contar cunha gran cantidade de músicos”, apunta. Deste xeito atopamos pianos, guitarras, sintetizadores, violíns, coros líricos…

A estadía de Sila Lua en Brasil tamén deixou unha pegada no álbum: “Aí namoreime das súas percusión e do poder que teñen tanto en directo como mesturadas coa electrónica”, di. Tamén en ‘Línea Roja’ vemos esas influencias de bossa nova. O disco foi feito a catro mans xunto ao produtor Mumbai Moon no seu estudio, un lugar no que Sila se sente como un peixe na auga: “Eu empecei nos estudios da miña universidade, estaba todo o día aí metida. En casa fago as letras e como moito gravo algunha idea, pero gústame ir a esta especie de templo só para facer música”, explica. Ademais de en plataformas dixitais e en directo, algunhas das súas cancións tamén soaron na televisión, concretamente nas series Élite de Netflix e La edad de la ira, de Atresmedia Premium.

Aínda non rematou a xira de Rompe pero Sila xa está embarcada na xestación dun novo disco, que verá a luz en 2024: “Levo moitos meses traballando nel. Vai ter a miña esencia, pero desde logo será distinto. Gústame pensar nos álbumes como proxectos distintos nos que ir probando cousas, tamén pensando no directo”, explica. Este xoves 28 temos a oportunidade de despedir por todo o alto en Radar Estudios o fulgurante debut da viguesa Sila Lua.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.