CAMELIAS MASCOTAS

A tempada de teatro de Afundación traerá seis obras nacionais a Vigo este outono

Afundación presenta a súa Tempada de Teatro para o Teatro situado en García Barbón. Intérpretes como Lola Herrera, Loles León, Diana Navarro, María Adánez ou Els Joglars subiranse ao escenario entre os meses de outubro e decembro. Os abonos póñense á venda o luns 18 de xullo.

Imaxe de ‘Que salga Aristófanes’, de Els Joglars


A produción Una noche con ella, protagonizada por Loles León, será a encargada de abrir a tempada no Teatro Afundación de Vigo o día 16 de outubro. A seguinte obra en saír a escena será El sueño de la razón, o 20 de outubro. O texto de Buero Vallejo estará interpretado por Ana Fernández, Chema León, Carlos Martínez-Abarca, Montse Peidro, Fernando Sansegundo e Antonio Valero.

REVISTA NOVEMBRO

A tempada continuará con En tierra extraña, unha viaxe musical pola vida de Federico García Lorca, Concha Piquer e Rafael de León da man de Diana Navarro, Avelino Piedad e Alejandro Vera dirixido por Juan Carlos Rubio. Poderase ver o 3 de novembro. Els Joglars subiranse ao escenario o 17 de novembro para interpretar ¡Que salga Aristófanes!, unha dramaturxia contemporánea que, combinando a música, a danza, a literatura e o visual, pon o foco na infantilización do mundo adulto.

¡Ay, Carmela!, de José Sanchís Sinisterra e interpretada por María Adánez e Pepón Nieto poderase ver o 30 de novembro. Unha obra na que a soidade, o medo e a inxustiza van da man da morriña, a complicidade, o amor e a memoria. Finalmente, pechará a tempada a obra Adictos con Lola Herrera, Ana Labordeta e Lola Baldrich. Será o 8 de decembro no Teatro Afundación.

Os abonos, que teñen un 20% de desconto con respecto ao prezo das entradas soltas, poñeranse á venda no despacho de billetes físico os días 18, 19 e 20 de xullo, e na web Ataquilla.com do 18 de xullo ao 15 de setembro. As entradas soltas poderanse adquirir a partir do 16 de setembro.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.