A Reconquista arranca este sábado
Hoxe coñecemos a programación ao completo da Reconquista. Este ano retómase a representación da toma dos franceses da vila que terá lugar este sábado día 23 e o sábado 31 Treixadura actuará na Porta do Sol.

Os franceses xa están en Galicia e este sábado tomarán a nosa cidade. A Asociación do Casco Vello decidiu recuperar no 25 aniversario da festa esta parte da representación que vai ter lugar o sábado a partir das 18:00 horas. Esta escenificación, na que veremos como os franceses capitaneados polo comandante Chalot se fan coa nosa cidade, irá precedida dunha homenaxe a aquelas persoas as que lle debemos esta celebración. Trátase de nove veciños do Casco Vello que no ano 1994 decidiron que era necesario recuperar esta parte da nosa historia para convertila en festa e divulgar o que aquí acontecera. Despois da homenaxe e a representación, haberá música e cantos de taberna para animar o ambiente cara os actos centrais da Reconquista que terán lugar na fin de semana do 30 e 31 de marzo.
Pero antes, o día 27, os cativos serán os protagonistas na gran Reconquistiña. Un desfile no que participarán 650 nenos e que rematará na praza do Berbés ás 12 do mediodía, onde poderán degustar un chocolate ao son de Ce Orquestra Pantasma. O mércores 28 coñeceremos o gañador do concurso de Retapas que se está a celebrar no barrio e polo que nos podemos pasar ata o día 27. Tamén o 28 ás 12:45 podemos asistir ao concerto da Orquestra Infantil KV2211 no interior da Colegiata.
O sábado 30 ás 11 da mañá inaugúrase o gran mercado da Reconquista e o Casco Vello retrocederá no tempo a comezos de 1800, haberá un total de 250 postos nos que atoparemos artesanía, obradoiros e gastronomía. Tamén haberá espectáculos de maxia e titellas polas rúas e un total de 50 grupos musicais actuarán de forma anárquica para animar a festa. O broche á xornada do sábado o porá a actuación de Treixadura nun concerto gratuíto na Porta do Sol. O domingo 31 todos os que asistan vestidos da época poderán participar na representación da Reconquista da Vila de Vigo, que dará comezo ás 18:00 horas na Porta do Sol. A continuación poderemos presenciar o derrubamento da porta de Gamboa e a partida en barco dos franceses desde o Porto. Este ano, como novidade, instalarase unha pantalla xigante na Porta do Sol para que máis xente poda presenciar a representación en vivo. Outra das novidades desta edición é que haberá un posto violeta, emprazado ao final da rúa Real comezo da praza do Berbés, ao que poderá acudir calquera persoa que sufra algún acto machista. Desde a organización queren evitar calquera conduta deste tipo que ensombreza o ánimo festivo.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Artur Puga, bailarín e músico: «Facer unha foliada en Churruca xa non se ve raro» - 31 Xaneiro, 2025
- Anxo Cabada, fotógrafo: «Pediría que o gasto das luces se reparta un pouco en cultura» - 3 Decembro, 2024
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024