A realidade virtual chega ao Festival Sinsal a través dun documental
As persoas asistentes ao festival Sinsal poderán gozar, con lentes de realidade virtual e a través dun formato innovador nomeado Theather VR, dun documental que narra a historia dun dos primeiros escenarios virtuais do mundo, con concertos do Sinsal gravados na última década na illa de San Simón.
Unha das cousas que destacan do festival Sinsal é o vangardismo. Un ano máis volven a demostralo incluíndo na programación a preestrea do documental de realidade virtual Road to Meta-Stage: The Documentary, unha creación que narra a historia dun dos primeiros escenarios virtuais do mundo e que, precisamente, recolle concertos do Sinsal na illa de San Simón gravados na última década polo equipo de Liveforevr!, que impulsa o enxeñeiro audiovisual Toño Cabanelas.
Road to Meta-Stage: The Documentary é un proxecto que Cabanelas desenvolveu, principalmente, en San Simón xunto co festival Sinsal e numerosos artistas e investigadores a través de distintos programas de residencia artística que se fixeron desde 2013 na illa. Trátase dunha iniciativa pioneira creada para as e os amantes da música e que se integra cos formatos e linguaxes máis populares entre as novas xeracións, como poden ser os videoxogos, a realidade virtual ou mesmo o streaming. Así, o documental combina imaxes animadas en 3D con contornas que mergullan ao público na experiencia e concertos ao vivo gravados en 3D en San Simón, durante a celebración do festival Sinsal SON Estrella Galicia, achegando ademais unha ampla variedade de efectos envolventes para a espectadora ou espectador, como é o son espacial 3D e os efectos visuais en tempo real.
A proxección de Road to Meta-Stage: The Documentary no marco do festival Sinsal realizarase nun formato innovador, nomeado Theater VR, que permite que varias persoas poidan experimentar, á vez, contidos inmersivos, a través da sincronización de varias lentes de realidade virtual. Deste xeito, o público que visite a capela de San Simón entre as 16:00 e as 21:00 horas do venres 21, gozará en grupo do mesmo contido ao mesmo tempo, facendo de cada sesión un momento único. O acceso será de balde e persoal do festival acompañará a cada grupo durante a proxección.