‘A que non podes dicir Coca-Cola? (II)’, de AveLina Pérez

«A persoa que está sentada ao teu carón na cafetería na que almorzas pan integral con aceite de oliva virxe extra pode levar unha arma. E se é domingo e levas roupa de domingo, ou se é martes e levas roupa de domingo, vas quedar feita un cisco; emporcada do teu sangue e da túa inocencia. É mellor non saír de casa.
En todos os lugares anda o perigo». AveLina Pérez, unha das dramaturgas imprescindibles do teatro galego contemporáneo, volve presentar A que non podes dicir Coca-Cola?, once anos despois da súa estrea, nunha sorte de diálogo entre o traballo de 2011 e o de 2022 e onde volven estar presentes temáticas como a confrontación e a aceptación da violencia imperante, as diferentes formas de alienación na sociedade e a arte como refuxio e espazo de resistencia. Ela dirixe, escribe e protagoniza este monólogo no que Ramón Raíndo encárgase do deseño e da composición musical e Daniel Casquero da iluminación. A que non podes dicir Coca-Cola? (II) é, en palabras da autora, «unha loita inútil e precisa, unha repetición de incertezas, un querer e non poder», pero tamén é a confirmación do pulso dramático e escénico dunha das mellores creadoras que temos nos escenarios de Galicia. A cita é a primeiros de mes no Teatro Ensalle, sala de especial relevancia na carreira artística e profesional de AveLina Pérez e no tecido cultural desta nosa cidade.
Data e hora: xoves 2, venres 3, sábado 4 e domingo 5; ás 20:00 h
Lugar: Teatro Ensalle (rúa de Chile, 15)
Ernesto Is
Últimos posts de Ernesto Is (ver todos)
- ‘Narracións Imprevistas. Literatura Repentina’, con Jorge de Arcos e Santi Prego na Sala Ártika - 1 Decembro, 2022
- ‘Backstage’, de NegroLópez - 10 Outubro, 2022
- ‘Volátil’, Constance Hurlé e Paulo Maestro na Sala Kominsky - 22 Xullo, 2022
- ‘A que non podes dicir Coca-Cola? (II)’, de AveLina Pérez - 2 Xuño, 2022
- ‘El diablo en la playa’, de Matarile Teatro - 31 Marzo, 2022