CAMELIAS MASCOTAS

A oda de Pessoa por Xurxo Martínez

Ode marítima é unha ofrenda ao mar en forma de verso. As mulleres de mariñeiros ciscan, polo primeiro de ano, unha bola de pan ao mar pra acougar o apetito mareiro. Malia todo, cada certo tempo, a auga engulipa vidas humanas. Pois tamén o Atlántico esixe saciar a súa fame cultural e reclama, coma tributo pagán, poemas, lenzos ou cántigas pra acougar. Contan que Fernando Pessoa, transfigurado en Álvaro Campos, escribiu esta oda, extensa coma incansables ondas que van e veñen dunha a deloutra ribeira do océano, dunha soa vez. Coma quen respira ou parpadexa. Puxo o lapis sobre do papel pra encabalgar versos que parecían non ter fin. Durante esa manha de verão, o poeta fixo súa toda a vida marítima.

Gústame imaxinar a Pessoa eslombado na ladeira do Castro de Vigo tras tomarlle unha chiquita nunha tasca mariñeira, pola rúa Santiago ou por Poboadores. No alto, albiscaría a inmensidade oceánica que a nosa urbe ofrece aos ollos máis atentos. Entón, o poeta domestica versos que saen en forma de corcheas ximnásticas das sereas dos barcos. Ou se cadra, coma sons graves de tubas que foron almas humanas, acubilladas no Buraco do Inferno aló pola illa de Ons. Na bocana norte da ría entran navegantes mortos e resucitados, descubridores de lugares insondables, e dende Punta Robaleira e Cabalo de Fóra érguese o arco triunfal que os recibe a todos eles, coa salitre de tantos continentes.

REVISTA NOVEMBRO

Pessoa escribe deseguido a axitada vida do mar de Vigo. Lean Ode marítima pensando que o poeta é testemuña do traballo na ribeira do Berbés. Fagan seu o poema. É un reconfortante exercicio de imaxinación literaria. Pro pra iso, entre outras funcións, está a literatura. Álvaro de Campos tivo de mestre ao Alberto Caeiro. Como é sabido, dous heterónimos de Pessoa. Nun hotel vigués, Alexander Search entrevistou Caeiro, visitante por un tempo da nosa urbe. Desa interviú, ambos recoñecían «as muitas sensações de arte que devo a esta cidade de Vigo» . Por que non crer que Caeiro lle falou a Campos, por medio de Pessoa, do buligar portuario e balbordo acuático da nosa cidade?

O mar, dende Martín Codax deica as poetas contemporáneas, persevera en nós e reclama, con xusta razón, o seu espazo na literatura galega. Velaí Manoel Antonio ou Xohana Torres como exemplos. E os versos que quedan por vir.

Por Xurxo Martínez González
Escritor e investigador

Este artigo foi publicado na revista A movida de abril 2021 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]