A obra de Mª Victoria Moreno en 8 ilustracións
O universo literario de Mª Victoria Morena plasmado en imaxes chega a Vigo, e teremos ata o 11 de xullo para visitar a exposición na Delegación da Xunta de Galicia. A mostra estará conformada por 8 ilustracións de artistas galegos, todos eles baixo a coordinación do ilustrador David Pintor.
Tras unha pequena xira por Santiago, Pontevedra, A Coruña e Lugo e que, despois do 11 de xullo, continuará por Ferrol, Ourense, Ordes ou Vilalba, chega por fin a Vigo a exposición María Victoria Moreno. Paisaxes e personaxes, unha mostra na que 8 ilustradores e ilustradoras galegas transportan ao papel e en imaxes o imaxinario literario da escritora de orixe cacereño, e que poderemos ver na Delegación da Xunta de Galicia en Vigo.
Todo o conxunto das obras está coordinado polo famoso ilustrador coruñés David Pintor, quen foi o encargado de realizar o cartel oficial do Día das Letras Galegas. As obras pictóricas están baseadas a súa vez nalgunhas das obras de Mª Victoria, como son O cataventos, A festa no faiado, Anagnórise, Mar adiante, Un cachiño de bica, Guedellas de seda e liño, Leonardo e os fontaneiros e A brétema.
Ademais destas ilustracións, hai paneis bibliográficos e vitrinas con obxectos persoais da autora, como poden ser a súa primeira máquina de escribir, os seus lentes ou un manuscrito orixinal de O cataventos.
Esta exposición é un bo exemplo para demostrar que o interese nas nosas letras e na nosa cultura, e neste caso en concreto en Mª Victoria Moreno, non é só cousa dun día, senón que as mostras de recoñecemento a esta autora esténdense durante todo o ano por toda a xeografía galega.