REVISTA ABRIL

Vigo procura artistas para participar da Noite Branca

O Concello porá en marcha a próxima semana unha convocatoria pública para que artistas e entidades culturais presenten propostas de actividades para a Noite Branca. Durante a noite do 2 de agosto, os museos municipais permanecerán abertos en horario especial, de 20:00 a 1:00 h da madrugada, ofrecendo unha ampla programación cultural.

Performance no MARCO | P. Vázquez

Vigo prepárase para vivir unha nova edición da Noite Branca, que encherá de actividades culturais os museos municipais o vindeiro 2 de agosto. Durante esa noite, o Museo Quiñones de León, a Pinacoteca, a Casa Galega da Cultura, a Casa das Artes e o Verbum permanecerán abertos con horario ampliado, entre as 20:00 h e a 1:00 h, e ofrecerán unha programación especial con propostas culturais complementarias ás exposicións.

O Concello abrirá a próxima semana o prazo para que artistas e colectivos culturais poidan presentar as súas iniciativas, co obxectivo de dinamizar os museos e complementar as exposicións cunha oferta variada. A convocatoria será en réxime de concorrencia competitiva, co fin de escoller as propostas máis destacadas. A programación poderá incluír actividades de diversos ámbitos como a historia, a arte, a arqueoloxía, o patrimonio, a música ou as novas tecnoloxías, e poderá adoptar múltiples formatos: visitas teatralizadas, obradoiros, actuacións musicais, contacontos, danza ou teatro, entre outros.