CAMELIAS MASCOTAS

A micoloxía pisa con forza en Vigo

Desde a pasada fin de semana, a Asociación de Veciños do Casco Vello está a organizar as V Xornadas Micolóxicas, nas que se pretende dar a coñecer á cidadanía o mundo dos cogomelos a través de charlas, obradoiros, exposicións e saídas ata este domingo. Ademais, outras organizacións como Montes de Vigo ou a Zarrota están a levar a cabo actividades relacionadas co mundo dos fungos e dos cogomelos. 

Cartel das V Xornadas Micolóxicas do Casco Vello

Hoxe ás 19:30 terá lugar no SDR Nautilius unha conferencia co gallo do primeiro ano despois da vaga de lumes que asolou un terzo da superficie forestal da cidade, organizada por Montes de Vigo.  Nesta edición a temática a abordar a partir das 19:30 será o ‘Aproveitamento micolóxico sostible versus incendios forestais’, a cargo da experta Marisa Castro, da Universidade de Vigo. Posteriormente haberá unha degustación de cogomelos e castañas asadas a cargo da Agrupación micolóxica A Zarrota.

Falando da Zarrota, cada semana organizan os Martes Micolóxicos no local do Club Montañeiros Celtas, na Rúa Camelias. Alí, cada martes de 19:00 a 21:00, todas as persoas interesadas neste eido poderán acudir e traer os seus propios exemplares ou a ver os alí dispostos. É habitual que acudan persoas doutros lugares de Galicia a traer especies menos comúns nestas terras, ou xente que vén de recolectar e ten dúbidas de se os cogomelos que apañou son comestibles ou non.

O pasado sábado 10 de novembro volvían as Xornadas Micolóxicas do Casco Vello por quinto ano consecutivo, o que vén a demostrar o interese que esperta o coñecemento sobre os cogomelos, tantos os comestibles como os que non o son. Un dos obxectivos destas xornadas divulgativas é o de facer ver que estes seres vivos son máis que alimento, xa que son unha parte fundamental do noso ecosistema.

Este venres 16 ás 18:00 inaugúrase a Exposición Micolóxica, que durará ata o final do día seguinte. Nela poderemos ver material fresco correctamente etiquetado, tanto co seu termo científico como co seu nome común. Ese mesmo día, ás 20:00, haberá unha charla sobre mixomicetos co doutor en farmacia Floro Andrés Rodríguez. O sábado 17, ademais de continuar de mañá e tarde a Exposición Micolóxica, será a quenda de Óscar Requeijo, do Grupo Micolóxico Galego, sobre diferentes tipos de fungos e os seus ecosistemas.

REVISTA NOVEMBRO

Por último, o domingo haberá unha saída didáctica ao monte pola mañá da man do biólogo Gabriel Pérez Torrón, na que se irán explicando os distintos cogomelos que vaian aparecendo durante o paseo, así como características e curiosidades. O monte aínda está por decidir, mais as principais opcións son o Vixiador, o Parque Forestal de Saiáns ou mesmo no CUVI. Para finalizar as xornadas haberá un obradoiro de cultivo de cogomelos por parte da empresa colaboradora de Universidade de Vigo MycoGalicia, para que a xente aprenda uns coñecementos básicos e leve o seu pequeno cultivo para casa.

Todas as actividades son de balde agás a saída ao monte, que terá un custo de 5€ xeral e 3€ para socios e o obradoiro de cultivo, cun prezo de 8€ xeral e 5€ para persoas asociadas. As exposicións, charlas e obradoiros realizaranse na propia sede da AVV do Casco Vello, unha das asociacións veciñais con máis movemento da cidade.

Outro espazo da cidade no que prestan especial atención a mundo das setas, cogomelos e fungos e na Fundación Sales. Na actualidade están a desenvolver un curso e debido ao éxito, en decembro repiten con os venres micolóxicos. Unha formación que se desenvolverá os días 14, 21 e 28, de 16:00 a 18.30 horas.

(GMT+01:00) SRD Nautilius


(GMT+01:00) Asociación do Casco Vello


(GMT+01:00) Asociación do Casco Vello


(GMT+01:00) Asociación do Casco Vello


(GMT+01:00) Asociación do Casco Vello


(GMT+01:00) Asociación do Casco Vello


(GMT+01:00) Club Montañeiros Celtas