CAMELIAS MASCOTAS

Ilustración e “cousas de molar” na nova Galería Maraca

A Galería Maraca, espazo centrado nas exposicións e na venda de ilustracións e demais “cousas de molar”, reabre no centro de Vigo. Concretamente na rúa do Doutor Cadaval 12, a escasos metros da Porta do Sol. O próximo venres 15 de xullo inaugurarán a súa primeira exposición neste novo espazo.

Vigo é un continuo ir e vir de proxectos. Hai unha semana publicabamos unha entrevista con Alfons Freire na que nos relataba os motivos do peche de CUBO. O pasado martes abría, a escasos dez metros deste local, a nova sede da Galería Maraca, anteriormente situada na rúa Cervantes, en Churruca. En decembro de 2021 a empresa de comunicación Chachachá, creadores da Revista Dot, iniciaban esta nova aventura na que mesturaban exposicións e tenda de ilustracións, libros, camisetas e, como din eles, “demais cousas de molar”.

REVISTA NOVEMBRO

Desde esta semana o centro de Vigo conta cun novo punto de encontro artístico e creativo. A rúa de Doutor Cadaval, na que se atopan outros locais con movemento como Discos Elepé ou Flamingos, é o novo fogar desta iniciativa creada polo diseñador Raúl Bermúdez e polo empresario Jesús Núñez. Ademais das novas oficinas de Chachachá, neste baixo de estética industrial atopamos o mesmo que na anterior galería pero nun espazo máis diáfano e, moi importante, a pé de rúa. O local conta cunha segunda altura onde terán lugar as exposicións.

A galería posúe un fondo permanente de máis de 100 ilustradores entre os que se atopan algúns da talla de Sergio Moura, gañador dun Grammy latino ao mellor deseño de disco; Jorge Alderete, recoñecido ilustrador arxentino, fincando en México dese fai máis dunha década; Adriá Marqués (El Maqués), ilustrador catalán coñecido polas súas numerosas portadas para varias editoriais ou a coñecida autora galega Lara Lars. Outros produtos dispoñibles na tenda son libros (de deseño, música, banda deseñada…), camisetas, tazas, figuriñas ou totebags.

Paralelamente programaranse exposicións cada mes e medio, e xa se coñece cal será a primeira desta nova etapa: Prohibido fixar carteis, de El Marqués, que se inaugurará o 15 de xullo ás 19:00. Tamén nos adiantan que proximamente poderemos gozar dunha retrospectiva do catalán Error! Design, famoso ilustrador especializado en carteis de concertos. O do Atlantic Fest, por exemplo, é obra súa.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.