BANNER PLAYDOC

A feira vegana máis grande de España volve a Vigo e xa ten as entradas á venda

A quinta edición da feira vegana e sostible de Galicia celebrarase os días 25 e 26 de outubro no Instituto Feiral de Vigo. As entradas para Vegana.gal están xa dispoñibles desde o 1 de maio a través da web oficial vegana.gal

Vigo volverá acoller unha das feiras de alimentación vegana e cultura antiespecista máis grandes de España e de Europa. A quinta edición de Vegana.gal contará con  6.000 m² expositivos no pavillón 2 do IFEVI no que se instalarán máis de 100 casetas expositoras de alimentación vexetal, moda ética, cosmética libre de crueldade e todo tipo de servizos sostibles. 

Entre as grandes novidades desta edición destacan dous espazos escénicos: o Parladoiro, un foro de ideas onde filósofas, científicas, nutricionistas e activistas abordarán temas clave como o antiespecismo, o coidado do medio, os dereitos dos animais ou a alimentación consciente. E a Lareira, un escenario para demostracións culinarias onde recoñecidas chefs e creadoras de contido elaborarán receitas ao vivo, a lume manso e con ingredientes de proximidade, sabor e compromiso.

Detrás de Vegana.gal están tres mulleres comprometidas coa transformación social: Tamara Alonso, creadora de contido dixital; Rebeca Bande, educadora alimentaria; e Ana Gontad, xestora cultural. Xuntas dan forma a un espazo para a reflexión e o encontro que avoga por un futuro sostible e antiespecista.

REVISTA MAIO

As persoas que desexen acudir como público poden adquirir xa a súa entrada a través da web do festival por 5,00 un día ou abono de 8,00 € para acudir os dous. As persoas desempregadas, maiores de 65 anos e persoas con diversidade funcional pagan só 4,00 € e os menores de 12 anos entran gratis.