A cultura de Vigo a exame
A rente da fronteira do ano vello co ano novo é o momento idóneo para facer balance. Hai pouco que coñecemos o orzamento do Concello de Vigo para área de Cultura en 2025. A cantidade destinada ascende aos 18.544.050 euros, un oito por cento máis que no exercicio anterior. Para valorar esta cifra, contamos coa opinión de catro profesionais en diferentes materias: artes escénicas, literatura, museos e música en directo.
Artes escénicas. Afonso Becerra: «A programación escénica é máis propia dunha vila que dunha cidade»
Formado principalmente polo teatro e a danza, tamén o circo, os monicreques e un feixe de propostas teñen cabida no eido das artes escénicas. Contamos co ciclo municipal Vigocultura, para o que agora se dotan 197.000 euros, unha cantidade notablemente inferior aos 320.000 euros deste último ano. En contraste, a partida para o mantemento do Auditorio Municipal aumenta, pasando dos 150.100 do 2024 a recibir en 2025 máis do dobre: 350.100 euros. Continuando coa oferta escénica, tamén se acollen representacións no Auditorio Mar de Vigo, cunha partida xeral de 500.000 euros, e no Centro Cultural Afundación, ao abeiro do histórico Teatro García Barbón. Nas trincheiras culturais atopamos dúas pequenas salas independentes que fan o imposible para manter vivas as artes escénicas locais: a sala Ártika e o Teatro Ensalle, que recibiron respectivamente 6.000 e 5.000 € para o exercicio do 2024.
Afonso Becerra é dramaturgo, director de escena, docente na Escola Superior de Arte Dramática e director da revista galega de teatro Erregueté. Afonso bota en falta axudas para compañías teatrais, á maneira en que as reciben outras empresas como Stellantis, remarcando a necesidade de acabar con esa falacia de que o sector cultural vive das subvencións. «Somos os menos subvencionados, vivimos na precariedade máis absoluta», conclúe. A ausencia de axudas non é un fenómeno illado en Vigo: este dramaturgo non coñece ningún concello que o faga en todo o Estado. Para este autor, a cultura, a educación e a sanidade deberían ser bens públicos aos que todo o mundo teña acceso, independentemente da condición socioeconómica. Para non quedar só co negativo, Becerra destaca un dos puntos fortes de Vigocultura: «Todas as compañías viguesas poden estrear o seu espectáculo dentro deste ciclo. Isto é bo que se siga a manter, porque unha estrea supón contratar o espectáculo, e mesmo en ocasións se lles ofrece unha residencia para poder ensaiar durante a semana no auditorio», remarca.
Con todo, este dramaturgo de Becerreá non se mostra moi contento coa situación actual das artes escénicas na cidade en que reside desde hai moitos anos. «Vigo é un concello que pasa dos 300.000 habitantes, pero eu só podo ir ao teatro na fin de semana. É unha programación máis propia dunha vila que dunha cidade», apostila. Mesmo desde o punto de vista loxístico, pensa que non compensa facer vir a unha compañía para actuar un único día: «É tirar con diñeiro público, pero como tampouco é moito o que se lles paga…», láiase. A Becerra tamén lle gustaría que o investimento que dedica o Concello de Vigo na promoción das luces do Nadal —con máis de 800 carteis repartidos en numerosas cidades de España e Portugal, alén de cidades como París, Roma, Londres ou Nova York— tamén se dedicase a dar a coñecer artistas autóctonos. «O alumeado non é algo auténtico de Vigo; se Lugo pagase o mesmo, as luces poderían estar alí», exemplifica.
Outra das suxestións de Afonso Becerra focalízase na propia infraestrutura: «O Auditorio Municipal da cidade máis grande de Galicia parece o salón de actos dun instituto. De feito, antes utilizábase para celebrar os plenos». Aínda que as comparacións son odiosas, Afonso pregúntase con ironía se o Auditorio do Concello de Vigo equivale aos Teatros Principais de Ourense ou Compostela, ao Teatro Rosalía de Castro da Coruña ou ao Teatro Municipal do Porto. Segundo este experto, a solución estaría clara: comprar ou alugar o Teatro García Barbón. «E recuperar o seu nome», engade.
Ademais, este edificio conta con dous espazos cos que se pode xogar dependendo da afluencia de público prevista para cada espectáculo. Para todas estas propostas, Becerra considera urxente convocar un concurso para contratar unha dirección artística. Por último, Becerra loa o traballo das dúas salas de teatro independentes no espazo local. Do Teatro Ensalle destaca a innovación e o risco das súas propostas e de Ártika salienta o eclecticismo na programación. Non se mostra tan xeneroso co traballo de Afundación: «Poñeríalle un cero. Como se aluga o teatro, non van máis que actores famosos da televisión. É un criterio demasiado comercial. Ademais non se programa case nada de aquí, nada que ver cos tempos de Caixanova, cando estaba María Pereira programando», conclúe.
Literatura. Manuel Bragado: «A Feira do Libro é un fracaso desde hai dúas décadas, necesita unha refundación»
A partida municipal é reducida no campo literario. O groso do investimento está dedicado ás bibliotecas públicas, que en realidade poderiamos amentar en singular, xa que a única que xestiona a administración municipal é a Biblioteca Xosé Neira Vilas. A epígrafe bibliotecaria recibe practicamente a mesma cantidade que o ano anterior: 1.150.000 euros. A mediados de 2024, o Concello de Vigo gabábase de triplicar os orzamentos para a Feira do Libro, o cal é unha verdade a medias: se ben é certo que en 2023 o investimento se limitou a 5.000 euros, en 2019 achegáronse 7.200 euros. En resumo, triplicouse unha contía que o mesmo executivo baixara antes. Para o 2025 mantense a partida de 15.000 euros, unha cantidade insuficiente para o que debería ser o grande evento literario anual.
Sexa como mestre, como editor ou como columnista na prensa, Manuel Bragado leva toda a vida dedicándose ás letras. O seu coñecemento sobre literatura galega e sobre Vigo convérteno nunha das voces máis autorizadas para valorar esta situación. «Vigo foi a capital editorial de Galicia nas últimas cinco décadas. É unha das sete cidades españolas que conteñen unha industria literaria profesionalizada, e iso dálle carácter, como tamén o fan sectores como o portuario ou o automobilístico», explica. Esta importancia, di, non ten representación nas políticas de fomento da lectura, algo especialmente palpable na falta dunha rede de bibliotecas públicas. «A biblioteca é o centro social por excelencia de cada territorio, e na nosa cidade ese territorio ten que ser o barrio. En Vigo confúndense as bibliotecas coas salas de lectura», comenta.
Por poñelo en contexto, Bragado sinala que o goberno municipal inviste seis veces máis no alumeado do Nadal e nos concertos de Castrelos que nas bibliotecas. O mestre considera que estes grandes investimentos determinan moito as posibilidades doutras partidas. «As prioridades que se fixan na actualidade non son as que eu determinaría, pero este é o modelo que a sociedade viguesa elixiu e iso reflíctese nos orzamentos», considera. Malia isto, quere poñer en valor o gran traballo que se realiza na Neira Vilas, con actividades semanais para todos os públicos, e tamén celebra o aumento das contías para museos e para o Instituto de Estudios Vigueses, que desta volta recibe 50.000 euros.
A partida para a Feira do Libro parécelle «modesta» ao que foi director xeral de Edicións Xerais de Galicia durante 24 anos. Quizais debido a este escaso apoio, a feira non acaba de funcionar na cidade da oliva, con continuos cambios de emprazamento e peores resultados que a de outras cidades como A Coruña. Bragado ofrece unha análise cristalina: «A Feira do Libro é un fracaso desde hai dúas décadas, gustaríame que se refundase para convertela nun referente; volvela situar na Praza de Compostela é un paso positivo, pero aínda queda moito por facer. Non todo depende da política municipal e autonómica, tamén depende da iniciativa privada».
Á vista das últimas edicións desta cita anual coa literatura, Bragado considera que o goberno local debería apoiar con determinación o HematoFesti, o recente evento de literatura infantil e humor impulsado por Ledicia Costas e Alberto Vázquez, como o gran festival literario do ano en Vigo. «Ten que ser un evento internacional e interxeracional, con espírito de laboratorio de cultura contemporánea, onde teñan cabida os videoxogos, a banda deseñada, a música e a poesía», conclúe.
Museos. Beatriz Liz de Cea: «O museo da historia pode ser un gran fito para a nosa cultura»
Probablemente o meirande cambio que percibimos nos orzamentos para o ano novo sexa o dedicado á rede de museos, que conta con diversas institucións e fundacións ao largo e longo da cidade. O investimento total é de 3.240.318 euros (731.000 máis que o último ano). A gran novidade é o novo uso que recibirá o Museo Verbum, o menos visitado e posiblemente o máis infrautilizado, que cun investimento de 260.000 euros de por medio pasará a ser o demandado museo da historia de Vigo, cargo que vén asumindo timidamente o pazo Quiñones de León, e que agora pasará a recrear como era a vida nos seus dominios desde o século XVII. Outro dos espazos que sufrirá fortes cambios é a Casa das Artes, que albergará exposicións temporais, unha colección propia de arte galega, o Arquivo Fotográfico Pacheco, a Colección Torras e a Fundación Laxeiro entre outras cousas.
A historiadora da arte e comisaria independente Beatriz Liz de Cea acolle cos brazos abertos todas estas melloras. «A miña valoración é magnífica, especialmente no referente á ampliación dos horarios e no feito de ter un plan museístico anual», resume. Considera moi positivas as mostras que acolleron a Casa das Artes e mais a Casa Galega da Cultura, xa que saíron dunha convocatoria pública onde teñen cabida as propostas de artistas autóctonos novos. «Como cidadá viguesa, estou contenta de ver que as cousas se están movendo. Aínda que poida soar localista, temos que empezar por facer público aquí», engade.
Os museos son eses lugares que visitamos en primeiro lugar cando estamos de viaxe e case os deixamos para o último na nosa propia cidade. A pesar das boas novas que se avistan no horizonte, Beatriz recoñece que segue a ser difícil atraer xente a estes espazos. «É importante crear público a longo prazo, que sexa constante e fiel. Debemos crear unha proposta atractiva, que teña conexión coa cidadanía, e para iso tamén é precisa a publicidade», apunta a especialista. Parte dese pouco volume de visitas débese á falta de coñecemento da sociedade en xeral sobre o que hai nos museos e nas coleccións locais. «En Vigo moi pouca xente sabe o que temos, como por exemplo unha excepcional colección de arte galega ou outra europea, legado de Policarpo Sanz e Irene de Ceballos». A historiadora tamén puntualiza en que tamén temos unha colección arqueolóxica de grande interese.
A transformación do Verbum no museo de historia da cidade é, con seguridade, o gran cambio deste ano que entra. «É algo que os que estamos dentro da museoloxía local levamos moitos anos falando. O Verbum é un espazo absolutamente infrautilizado que perdeu o seu sentido orixinario hai moito tempo. O traslado dos restos arqueolóxicos e a creación dese museo de historia pode ser un dos grandes fitos da cultura viguesa, porque a xente ten que coñecer a historia alén da Reconquista. O século XIX, por exemplo, é unha historia de aventuras sobre unha cidade que se fai a si mesma», afirma Beatriz. Sobre o MARCO, o museo máis popular da urbe, pensa que debemos analizalo tendo en conta o contexto do seu nacemento: «Daquela houbo en España unha eclosión de museos de arte contemporánea; cada cidade quería ter un, e os orzamentos eran, en ocasións, excesivamente elevados. O actual director, Miguel Fernández Cid, colleu o museo nunha situación moi complicada, cando o mundo da cultura baixou á terra. Penso que a liña que está a seguir, a de intentar crear un fondo propio, é a correcta», explica.
Música en directo. Julio Gómez: «Falta estratexia, e non ten nada que ver con gustos persoais»
A nosa cidade goza dunha calidade musical incuestionable. Isto percíbese en auditorios, festivais e salas de concertos, de onde xorden propostas de todo tipo. Xa queda moi atrás aquela tan mitificada movida dos oitenta, cando a cidade viviu unha explosión cultural sen precedentes; nas décadas seguintes, a oferta e a calidade musical non parou de medrar. A aposta máis grande do Concello de Vigo no tocante á música en directo é a programación do Auditorio de Castrelos, que nos dous últimos anos sumou un investimento de máis de seis millóns de euros. O goberno local está cada vez máis enfocado en traer grandes nomes, deixando de lado a variedade estilística e os criterios artísticos. Pasando á música de cámara, a Orquesta Clásica de Vigo duplica en 2025 a cantidade que recibe das arcas municipais, chegando aos 60.000 euros. Con todo, o que leva a Clásica aínda está bastante lonxe do s 150.000 euros que recibe a Orquestra Vigo 430. Outras cifras que destacan nos orzamentos son os 60.000 euros destinados á Fundación Mayeusis, os 40.000 euros para o Concurso Internacional de Piano ou a partida de 100.000 euros para a Agrupación de Centros Deportivos e Culturais, unha cifra que quintuplica á do 2024. A Asociación de Corais Polifónicas e mais a Federación de Bandas de Música Populares suman 428.000 euros de investimento público entre as dúas.
Pasamos das cifras ás letras. Julio Gómez, responsable da promotora Sinsalaudio e codirector duns dos eventos musicais máis recoñecidos e particulares de Galicia, o Festival Sinsal, non aprecia moita diferenza entre as políticas culturais que se están realizando en comparación con outras cidades galegas ou españolas no referente á música en directo. Neste aspecto, Julio considera que Portugal debería ser o modelo a seguir: «Os portugueses están na primeira división da programación cultural. Primeiro, porque hai masa crítica, xa que levan moitos anos incentivándoa e, segundo, porque levan moito tempo participando seriamente e con moito criterio en programas de financiamento europeo». En consecuencia, o que máis bota en falta este programador é unha política cultural, algo que tamén achaca ao resto de cidades galegas. «Falta estratexia, que non ten nada que ver cos gustos persoais de cadaquén», apunta. Un dos factores nos que máis se deixa ver esta estratexia é na comunicación da programación cultural a través de carteis, folletos, revistas, redes sociais… que no caso de Vigo é insuficiente.
As salas de concertos non veñen recollidas nos orzamentos, malia que o seu labor na música de base é esencial. Ás veces, mesmo atopan trabas administrativas para conseguir licenzas, o que dificulta aínda máis o traballo. A pesar de que nos últimos anos a promotora Sinsalaudio sexa recoñecida polo amentado festival que cada ano se empraza na illa de San Simón, nun período comprendido entre o ano 1994 e o 2006 programou moito en salas, algo que aínda segue a facer, pero en menor medida. «Este tipo de axudas non deberían estar limitadas ás salas, senón tamén para que artistas locais teñan a opción de tocar fóra. Ademais, as axudas non teñen que ser necesariamente económicas; tamén podes colaborar na difusión», opina Julio, que incide no que xa amentou antes: «A falta de estratexia e de sensibilidade percíbese en toda a cultura, desde a oficial ata a privada, que aí segue habendo unha programación notable a pesar das dificultades», precisa.
Sobre os concertos de Castrelos, opina: «Son moi mellorables, pero é evidente que o foco está posto naquilo que chama a atención e que non hai un equilibrio entre o de arriba e o de abaixo». Julio pensa que unha cidade non ten que ter un festival porque si: «Un festival excesivamente subvencionado paréceme un erro; ten que ser un esforzo conxunto entre as axudas públicas, iniciativa privada, patrocinadores e o apoio do público». Nisto último fai fincapé; ao seu ver, os concertos non deberían ser gratuítos, pois iso non contribúe ao tecido cultural.
Pablo Vázquez
Redactor
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- A cultura de Vigo a exame - 3 Decembro, 2024
- O libro que demostra que os anos 80 en Galicia foron moito máis que a Movida Viguesa - 29 Novembro, 2024
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024