A competición internacional de baile Vigo Porté abre o prazo de inscrición
O evento mundial de disciplinas de baile Vigo Porté, que en 2020 chega á súa novena edición, acaba de abrir o período de inscricións para escolas de danza. O certame celebrarase os días 3, 4 e 5 de abril no Auditorio Mar de Vigo.
Vigo Porté prepara xa a súa novena edición e abre a prazo de inscrición a través da súa páxina web para todos aqueles centros de danza interesados en participar no noveno Trofeo de Baile Ciudad de Vigo. A organización espera superar os 2.000 participantes, despois de recibir confirmación de asistencia de escolas de baile novas de Madrid, Barcelona e Portugal. Na pasada edición, puidemos ver ata 200 coreografías, interpretadas por uns 1.200 bailaríns chegados de diversos países europeos e Chile. A Escola de flamenco María Rial de Vigo e Galicia en danza, de Baiona, fixéronse coa vitoria nas categorías absoluta e junior, respectivamente, mentres que a Escola de Baile Arte & Danza de Vigo alzou o Premio Vigo Porté.
Unha das principais novidades deste ano é a creación dunha nova categoría na competición, a categoría Mini; que se une as xa esistentes: a Infantil, a Junior e a Absoluta. A maiores desta nova categoría, a organización resolveu engadir unha nova disciplina, pasando de cinco a seis: Urbana, Folclore, Musicais & BSO., Fusión, Clásica e Contemporánea. Estas dúas últimas formaban ata a pasada edición unha única disciplina. Outra das novidades é o aumento na contía dos premios que pasa de 11.000 a máis de 16.000 euros, con motivo da incorporación da nova categoría e disciplina.
Como mestre de cerimonias, contarase un ano máis co prestixioso bailarín e coreógrafo Javier Castelo ‘Poty’, quen acudirá a Vigo para presentar o evento e presidir o xurado do certame. Segundo o coreógrafo, “trátase dun dos eventos de danza máis importantes de Europa e, desde logo, o máis importante de España. Para unha cidade como Vigo é unha sorte ter un acontecemento cultural destas dimensións e que ademais leva o seu nome”.