REVISTA ABRIL

O Primavera do Cine abre o prazo de inscrición de películas

O certame de cinema máis lonxevo da cidade, Primavera do Cine, abre a convocatoria para a recepción de pezas audiovisuais de produción galega ou lusófona que proxectar na súa undécima edición. A convocatoria está aberta ata o 31 de maio a través dun formulario na súa páxina web.

Imaxe da pasada edición do certame

Entre o martes 6 e o domingo 11 do mes de setembro célebrase a vindeira edición do Festival Primavera do Cine. Son xa once edicións as que leva o certame traendo a Vigo o máis salientable da cinematografía galega e tamén, dende a súa cuarta edición, dando a coñecer as cinematografías de países lusófonos, como Portugal, Brasilou Angola a través de títulos de referencia internacional, moitos deles estrea en Galicia e en España.

REVISTA ABRIL

A organización do certame en Vigo abre o prazo de recepción de películas. Os interesados poderán inscribir os seus filmes desde este xoves 31 de marzo ata o vindeiro 31 de maio. A convocatoria vai destinada a películas de produción galega en tres posibles formatos: curtametraxe, longametraxe e videoclip; e tamén a curtametraxes e longametraxes de países de fala portuguesa. Os filmes deberán estar producidos a partir do ano 2020. Para inscribirse, as produtoras ou cineastas interesados deberán facelo a través da web primaveradocine.com.

Tamén se admiten curtametraxes infantís, unha novidade da pasada edición á que dan continuidade nesta. Esta sección estará sometida a un premio concedido por un xurado composto por nenos e nenas de idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos.

As proxeccións da sección oficial terán lugar entre o 6 e o 11 de setembro e estará sometida a premio de público e de xurado. Terán lugar no Auditorio Municipal do Concello e, no caso das curtametraxes, no museo MARCO; estas veñen sendo as principais sedes do festival en toda a súa traxectoria. Ademais, desenvolveranse varias actividades paralelas na sede viguesa do Instituto Camões e na sede da Deputación de Pontevedra na cidade.