ASNEVES
REVISTA MAIO

A Cociñar: Ratatouille

Este mes cociñamos con Cocina con Ce e Frutas Nieves o Ratatouille. Como sempre traemos un sorteo, nesta ocasión regalamos uunha cesta de froitas e verduras de Frutas Nieves e o pack ‘Nai’ de Rei Zentolo; podedes participar a través da nosa conta de Instagram.

O Ratatouille é un prato tradicional da antiga Provenza. Célebre polo filme do mesmo nome, este pisto francés, feito a base de verduras frescas para obter un sabor intenso, é unha exquisita maneira de gozar da riqueza dos produtos do campo. Bon appétit !

Ingredientes

  • Aceite de oliva (2 culleradas)
  • Allo (2 dentes)
  • Berenxena grande (1 unidade)
  • Cabaciña grande (1 unidade)
  • Cebola grande (1 unidade)
  • Herbas frescas: alfábega, romeu e tomiño
  • Pemento amarelo (1 unidade)
  • Pemento vermello (1 unidade)
  • Tomates maduros (3 unidades)
  • Sal
  • Pementa

Elaboración

Mentres quentamos o forno a 200 °C, cortamos en rebandas finas a berenxena, a cabaciña, a cebola e os pementos, e picamos os dentes de allo e os tomates. Cubrimos unha bandexa do forno cun leito de rodelas de tomate, que logo cubrimos cunha capa de berenxena, cabaciña, cebola e pementos. Esparexemos os dentes de allo e os tomates picados sobre as verduras en capas e e repetimos o proceso ata que todas as hortalizas queden repartidas. Regamos a fonte con aceite de oliva e aderezamos con herbas frescas, sal e pementa ao gusto. Cubrimos a bandexa con papel para forno e enfornámola durante 45 minutos. Pasado ese tempo, retiramos o papel e volvemos enfornar entre 15 e 20 minutos, ou ata que observemos un aspecto tenro e dourado. Servímolo quente e obtemos unha delicia que se pode servir como acompañamento ou como prato principal.

Frutas Nieves

Con 40 anos de traxectoria, Frutas Nieves consolidouse como un referente no sector grazas ao seu compromiso coa calidade, a innovación e o coidado do medio ambiente. Fundada en 1983 como almacenista de froitas, verduras e hortalizas frescas na contorna de Vigo, a empresa adaptouse aos continuos cambios do mercado, profesionalizándose na distribución e experimentado un crecemento continuo. Tamén soubo devolverlle á cidade todo ese apoio colaborando en eventos deportivos e culturais ano tras ano.

Na actualidade, Frutas Nieves é unha franquía que conta cunha rede de 41 establecementos distribuídos na provincia de Pontevedra. A marca soubo ampliar o seu modelo de negocio, trasladando a súa política de calidade e servizo para chegar a novos clientes do sector privado en toda Galicia. A ligazón de Frutas Nieves con Vigo continúa tan forte coma sempre. A sede central está situada no Parque Tecnolóxico Loxístico (PTL), situado entre as parroquias de Beade e Valadares, onde conta con instalacións de última xeración equipadas con tecnoloxía avanzada para a conservación, a elaboración e a distribución de produtos frescos en condicións óptimas. Alén das infraestruturas, o verdadeiro motor da empresa é o equipo humano, composto por máis de 120 profesionais. Frutas Nieves procura fomentar un bo ambiente en diferentes aspectos. Unha das iniciativas máis destacadas da marca é o Club Vitaminas, destinado a promover hábitos de alimentación saudables entre os máis novos a través de talleres nutricionais en centros educativos. No seu compromiso coa sostibilidade e o coidado do medio ambiente, a empresa aplica prácticas responsables en cada operación.

Do campo á mesa, Frutas Nieves conta cun sistema de xestión e acordos con produtores locais e estatais directo, sen intermediarios, traballando a prol dun aprovisionamento sostible de froitas e verduras, garantindo o equilibrio entre a produción e a conservación dos recursos naturais, actuando localmente e pensando a nivel global. Ademais dos establecementos, a empresa conta cunha tenda online que ofrece unha selección de produtos propios, así como froitas e verduras frescas en diversos formatos a través de frutasnieves.com.

frutasnieves.com | @frutasnievesoficial

Sorteo

Sorteamos unha cesta de froitas e verduras de Frutas Nieves e un lote de produtos da colección ‘Nai’ de Rei Zentolo.
Para participar no sorteo hai que entrar na nosa conta de Instagram premer gústame na publicación da receita e comentar con quen compartiríades esta deliciosa Ratatouille. E tamén ser seguidor de @amovidavigo@cocina_con_ce @frutasnievesoficial@reizentolo_oficial. O xoves 9 de maio ao mediodía anunciaremos a persoa gañadora.