REVISTA FEBREIRO

A Cociñar: Lacón con grelos do Manuel

Propoñemos unha versión con toques vangardistas desta receita enraizada na nosa tradición. Un prato ideal para reconfortar o estómago nos meses de inverno e todo un clásico do Entroido. Abaixo as instruccións para participar no sorteo dun lacón de porco celta de Tres Fuciños e a camisa ‘Lacón con grelos’ de Rei Zentolo, desvelaremos o gañador o venres 14 de febreiro ao mediodía.

  • Aceite de oliva virxe extra
  • Cebola (1 unidade)
  • Chourizos (3 unidades)
  • Grelos frescos e ecolóxicos da Horta A Ruliña
  • Lacón de porco celta Tres Fuciños (2,5 quilogramos)
  • Leite enteiro (un vaso)
  • Manteiga (100 gramos)
  • Noz moscada (opcional)
  • Patacas galegas (8 unidades)
  • Pemento moído doce ou picante (un chisco)
  • Sal (un chisco)

Con 24 horas de antelación poñemos a desalgar o lacón en auga fría, que debemos cambiar cada oito horas. Unha vez pasado ese tempo, cocemos o lacón de porco celta durante cinco horas a lume maino. Cando remate a cocción, desfacemos a carne coas mans en tiras pequenas e engadimos un chorro de aceite de oliva virxe extra e un toque de pemento moído. Empregamos a metade do caldo que resultou de cociñar o lacón para cocer os chourizos e reservamos a outra metade. De forma paralela, limpamos ben os grelos e escaldámolos en auga con sal para reducir o amargor. Nunha pota, rustrimos a cebola picada, engadimos unha pataca e os grelos e incorporamos o caldo reservado ata cubrilos. Cando estea feita a pataca, esmagamos todos os ingredientes axudándonos dun garfo ata conseguir unha crema. Por último, pelamos as demais patacas e cocémolas en auga con sal ata que estean tenras. A continuación esmagámolas, engadimos a manteiga e o leite morno pouco a pouco ata acadar unha textura cremosa, probamos de sal e podemos engadir un toque de noz moscada. Para servilo, poñemos no prato un pouco de puré, por enriba colocamos o lacón esmigallado e decoramos coa crema de grelos e os chourizos picados de forma previa.

@amovidavigo

🥬🐽 RECEITA: Lacón con grelos do Manuel Ingredientes: • Aceite de oliva virxe extra • Cebola (1 unidade) • Chourizos (3 unidades) • Grelos frescos e ecolóxicos da Horta A Ruliña (unha presa) • Lacón de porco celta Tres Fuciños (2,5 quilogramos) • Leite enteiro (un vaso) • Manteiga (100 gramos) • Noz moscada (opcional) • Patacas galegas (8 unidades) • Pemento moído doce ou picante (un chisco) • Sal (un chisco) Elaboración: Desalgamos e cocemos o lacón. Cando remate a cocción, desfacemos a carne coas mans e engadimos un chorro de aceite de oliva virxe extra e un toque de pemento moído. Empregamos a metade do caldo que resultou de cociñar o lacón para cocer os chourizos e reservamos a outra metade. Limpamos e escaldamos os grelos frescos, para reducir o amargor. Nunha pota, rustrimos a cebola picada, engadimos unha pataca e os grelos e incorporamos o caldo reservado ata cubrilos. Cando estea feita a pataca, esmagamos todos os ingredientes axudándonos dun garfo ata conseguir unha crema. Co resto de patacas, a manteiga e o leite preparamos o puré. Para servilo, poñemos no prato un pouco de puré, por enriba colocamos o lacón esmigallado e decoramos coa crema de grelos e os chourizos picados de forma previa. 👉Receita completa en amovida.gal @reizentolo @cocina_con_ce

♬ sonido original – Amovida

Galicia conta cunha cooperativa de pequenos produtores de porco celta, a única raza de porco autóctona do país. Trátase de Tres Fuciños, unha empresa na que criadores de varias zonas de Galicia comparten unha ética sostible e respectuosa á hora de criar os animais dos que se serven. Os porcos críanse en campo aberto e en montes de carballos e castaños, en liberdade, con hectáreas de terreo para movérense como máis lles preste. A raza e o estilo de vida activo fan que a carne resultante teña unha cor intensa, cunha graxa máis saudable e moi saborosa. Este ano, Tres Fuciños estrean foodtruck, dispoñible para festas, concertos e eventos privados.

Sorteamos un lacón de porco celta de Tres Fuciños e a camisa ‘lacón con grelos’ de Rei Zentolo. Para participar no sorteo hai que entrar na nosa conta de Instagram premer gústame na publicación da receita e comentar con quen compartiríades este delicioso cocido. E tamén ser seguidor de @amovidavigo@cocina_con_ce, @3fucinos,  @reizentolo_oficial. O venres 14 de febreiro ao mediodía anunciaremos a persoa gañadora.