A Biblioteca Juan Compañel celebra o Mes da Ciencia
A Biblioteca Juan Compañel, situada no corazón do Casco Vello, prepara un novembro cargado de actividades para celebraro o Mes da Ciencia. Exposicións, presentacións de libros, charlas, robótica ou maxia son algunhas dos eventos que terán lugar neste fogar da literatura.
A exposición A ciencia que nos rodea estará dispoñible desde o 7 ata final de mes na sala infantil. En canto as actividades, comezarán o sábado 14 tamén na sala infantil con Robótica creativa, cun dobre pase dunha hora: ás 11:00 e ás 12:30. Paralelamente, ás 12:00 na sala multiusos, terá lugar a presentación do libro Alén do azul: o mundo submarino da ría de Vigo, de Sara Carrasco e Silvia Iglesias.
Continuamos o sábado 21 con Descubrindo o imposible: a ciencia da maxia, un espectáculo divulgativo da man de David Méndez. Será na sala infantil cun primeiro pase ás 11:00 e un segundo ás 12:30. Para pechar o mes, o día 28,a charla As mulleres na reivindicación dos montes veciñais por Beatriz Rodríguez Morales será ás 12:00 na sala de usos múltiples. Tamén haberá unha actividade infantil titulada A ciencia máxica, ciencia divertida, que tamén contará con pases ás 11:00 e 12:30.
É preciso realizar reserva previa para todas as actividades, que serán de balde, no teléfono 886 120 445.