VEGANA

A biblioteca vai á praia co programa Os Libros ao Sol

Se no verán prefires ir á praia en lugar de á biblioteca, non pasa nada, porque gracias á campaña Os Libros ao Sol, a biblioteca tamén vai á praia. Durante todo o mes de xullo, en horario de mañá e tarde, poderás gozar no paseo de Samil dunha oferta duns 500 libros para todas as idades.

As Concellerías de Xuventude e Normalización Lingüística poñen en marcha Os Libros ao Sol, facendo referencia a xa clásica película de Fernando León de Aranoa rodada en Vigo no 2002. O obxectivo é claro: que o calor e as ganas de ir á praia non sexan un impedimento para ler libros, e a poder ser títulos en galego. A biblioteca estará situada no paseo de Samil, na praia da Argazada, na zona de sombra xunto ás árbores. O horario é de 10 a 13:30 e das 16 ás 20h, de luns a venres, durante todo o mes de xullo.

Non só de libros vai a cousa. Ademais dunha biblioteca en plena praia, tamén haberá diferentes actividades destinadas aos máis pequenos, como contacontos, música e xogos a cargo de profesionais como Xandobela, Polo Correo do Vento, Raquel Queizás, Bea Campos ou Pakolas. Por se fora pouco, os cativos terán a súa disposición láminas para pintar e recortar, sorteos, concursos e premios. Estes últimos tamén dispoñibles para o público adulto.

Xa non hai escusa para non ler na praia, xa sexa na area ou no paseo á sombra. A biblioteca dispón dun total de 502 libros, que se poden ver na web e incluso filtrar por autor/a, editorial e xénero. Calquer sitio é bo para ler, e calquer lugar é mellor cun libro na man.

REVISTA OUTUBRO