PORTAMERICA
REVISTA NADAL

A artista arxentina Emilia súmase ao PortAmérica

O festival PortAmérica acaba de anunciar a incorporación de Emilia, referente do pop urbano actual, á súa 13ª edición. A cita, que se celebrará en Portas os días 3, 4 e 5 de xullo de 2025, será o único concerto da cantante en terras galegas, unha ocasión irrepetible para os seus fans. Os abonos xa están dispoñibles na web do festival.

Nestas datas nas que só pensamos no Nadal é difícil imaxinarnos gozando da música en directo en verán, pero os principais festivais de Galicia traballan arreo todo o ano para configurar as súas programacións. É o caso do PortAmérica, que se celebrará en Portas os días 3, 4 e 5 de xullo de 2025 e que xa anunciou bastantes dos artistas que alí se darán cita. A última en apuntarse ao festival é a arxentina Emilia, artista de 28 anos que, tras darse a coñecer na banda de cumbia pop Rombai, actúa en solitario desde 2018, colleitando numerosos éxitos.

Emilia Mernes consolidouse como unha das figuras máis influentes do panorama musical actual, grazas ao seu talento, estilo e conexión única co seu público. A súa impresionante traxectoria inclúe fitos como 10 Movistar Arena e 4 Estadios Vélez en Arxentina, onde reuniu a máis de 300.000 persoas, ademais de consagrarse como un ícono xeracional.

En España, a súa “segunda casa”, Emilia protagonizou o exitoso mp3 Tour, logrando cheos en recintos tan emblemáticos como o Palau Sant Jordi de Barcelona e o WiZink Center de Madrid. O seu álbum .mp3 superou miles de millóns de reproducións e foi recoñecido con nomeamentos aos Latin GRAMMY e premios como Los40 e Gardel. Emilia, ademais, conta con colaboracións estelares xunto a artistas como Duki, Tini e María Becerra, ampliando o seu impacto internacional.

VINA COSTEIRA

Con este anuncio, Emilia súmase a un cartel musical ecléctico no que xa figuran nomes como Melendi, Love of Lesbian, Mikel Izal, Viva Suecia, Ca7riel & Paco Amoroso, Recycled J, Duncan Dhu, Iván Ferreiro, Alcalá Norte, Carlos Ares, La La Love You, Marisa Valle Roso, Merino, No Te Va Gustar, Sidonie, Siloé, Travis Birds e Veintiuno. Os abonos xa están dispoñibles na web do festival, polo que pode ser unha boa opción de agasallo nesta datas para os máis melómanos.