Miss LaCé aspira converter a Sala Ártika no cabaret de Vigo
Picardía, sensualidade e humor son os compoñentes principais do espectáculo burlesque Miss LaCé, ao que podemos asistir estes días na Sala Ártika. Miss LaCé aspira a se converter nun evento permanente da sala de teatro situada en Beiramar, dotando a Vigo do seu primeiro Cabaret.
Miss LaCé é o alter ego de Cecilia Vázquez, actriz licenciada pola ESAD. Ela é a gran protagonista deste espectáculo que aspira a se converter nun referente das noites de fin de semana na cidade olívica. Onte asistimos a estrea na que Miss LaCé estivo acompañada por Rony Flamingo, Son Lesòn e Iván. Un show que non estivo exento de humor. Principalmente nas actuacións de Son Lesòn unha ama de casa aspirante a bailarina de cabaret que a medida que avanza o show vai evolucionando nas súas dotes sobre o escenario. Boas doses de risa as trouxo Iván, que con picardía e humor foi o que máis interactuou co público, sacando as cores a máis de un. Rony Flamingo e Miss LaCé actuaban a modo de fío condutor do show. Ela, unha bailarina aspirante a estrela. El, un manager farsante. Xuntos percorren o mundo. Un mundo que os espectadores visitamos a través das actuacións de Miss LaCé que nos levou da rebeldía xitana, ao carácter flamenco á sensualidade parisina. Cecilia fixo subir a temperatura da sala Ártika coas súas actuacións. Deixou patente que ten ben dominada a arte de espirse con elegancia e magnetismo.
Unha proposta que de se consolidar serviría para encher un baleiro na oferta de ocio de Vigo, que non conta con ningún show permanente destas características. De ter continuidade, bótase en falta que algún dos shows máis sensuais non teñan como protagonista a home ningún, de ben seguro o público feminino o agradecería.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024