CAMELIAS MASCOTAS

Valle-Inclán 2.0 chega a Vigo este xoves e venres

O Valle-Inclán máis moderno chega ao Teatro García Barbón con ‘Divinas Palabras Revolution’. Esta renovación da súa obra poderase ver o xoves 21 e o venres 22 de xuño, ámbolos dous días ás 20:30. A obra é dirixida por Xron e as entradas pódense mercar anticipadas desde 6,30 €.

O ‘Divinas Palabras’ de Valle-Inclán reinvéntase cen anos despois e, en lugar de acontecer nunha vila galega, esta revolucionaria versión sitúa os feitos nun reality show televisivo, ao máis puro estilo “Gran Hermano”. Este cambio da vila por un reality tenta amosarnos a perda absoluta da identidade propia que estamos a vivir hoxe en día nun mundo totalmente globalizado. A obra mantén o estilo ácedo e gran parte da intencionalidade da orixinal, máis esta é unha adaptación non literal, que pretende adaptar de forma respectuosa pero novidosa ao autor de Vilanova de Arousa aos nosos tempos.

En palabras do seu director, “é unha obra polémica, que está suscitando opinións totalmente contrarias e que non deixa a ninguén indiferente. É un espectáculo que non só se ve cos ollos, senón tamén co estómago”. Engade que “o teatro ten que ser ese espazo de rebeldía, incómodo, que nos remova por dentro, e esa é claramente a nosa aposta”.

REVISTA NOVEMBRO

A obra está producida polo Centro Dramático Galego e o Grupo Chévere, o que para Xron supuxo “unha enorme liberdade para facer un traballo onde o único importante é a excelencia artística e a ambición para abordar unha montaxe tan temeraria”. Advirte tamén, que a pesar de ser unha obra do Grupo Chévere, o humor vai ser diferente ao que acostuma a compañía, “máis afiado e incómodo”.

Segundo Xron, esta representación “é unha chamada a todo ese público que aínda non se atreve a vir ao teatro. Se queredes ver algo realmente forte, apagade a televisión e vide a ver ‘Divinas Palabras Revolution’”. Finaliza dicindo que, a pesar do calor, “o teatro é un sitio onde se está especialmente ben en verán”.

Esta adaptación actualiza os temas xa tratados por Valle-Inclán fai un século, como a avaricia, a luxuria e a morte. A obra contará con dúas sesión, unha o xoves 21 e outra o venres 22, ambas ás 20:30. As entradas están dispoñibles desde 6,30 € na web ataquilla.com ou chamando ao 902 504 500.