REVISTA MARZO

Unha ducia de actividades para conmemorar un 8M “libres, fortes e unidas”

Vigo prepárase para conmemorar o Día Internacional da Muller cun extenso programa que se desenvolverá do 5 ao 22 de marzo, baixo o lema “Libres, Fortes e Unidas”. A iniciativa promovida desde o Concello promete unha serie de actividades deseñadas para destacar a importancia das mulleres na sociedade e abordar cuestións de xénero a través da música, o teatro, a danza o cine e o debate.

Foto: Alba Sotelo

Os eventos terán lugar en diferentes localizacións da cidade. A meirande parte das actividades serán de acceso libre, sen necesidade de reservar entrada, agás as dúas representacións teatrais, xa que forman parte do programa municipal de artes escénicas Vigocultura. Testosterona ten un prezo de 8,00 € e La maestra, 5,00 €. As xornadas formativas son de balde, pero requiren inscrición.

Dentro do programa “Libres, Fortes e Unidas” atopamos eventos culturais como as actuacións musicais de Sheila Blanco e MJ Pérez; o espectáculo de comedia Sobria e Serena, con Jazmín Abuín e Arantxa Treus; a obra de teatro Testosterona, de Malasombra Producións e o espectáculo de danza Bailar agora de Marta Alonso Tejada. Tamén inclúe as proxeccións dos filmes A bicicleta verde, de Haifaa Al-Monsour e Prefiro condenarme, seguida dun coloquio coa directora Margarita Ledo Andión o 11 de marzo. Ademais, María Lado e Orisel Gaspar Rojas ofrecerán un Recital aberto de poesía de xénero. O público infantil e familiar poderá gozar da obra de monicreques La maestra.

Un dos actos máis destacados da programación é a entrega do Premio de Igualdade Ernestina Otero, o 14 de marzo. Así mesmo celebraranse unhas xornadas formativas tituladas “A violencia económica exercida sobre as mulleres. Control económico, sabotaxe laboral e explotación económica”, os días 19 e 20 de marzo. O programa complétase cun roteiro pola cidade con perspectiva de xénero titulado “Sons de Mulleres” , guiado por María Casar.

Programa completo de actividades:

Mércores, 5 de marzo no Auditorio Municipal – Concerto “Cantando ás poetas do 27” a cargo de Sheila Blanco.

Xoves, 6 de marzo no Auditorio Municipal – Espectáculo “Sobria y Serena”. Monólogos de comedia a cargo de Jazmín Abuín e Arantxa Treus.

Venres, 7 de marzo no Salón de plenos do Concello de Vigo – Pleno específico do Consello Municipal da Muller.

Venres, 7 de marzo no Auditorio Municipal – Espectáculo de danza “Bailar agora” a cargo de Marta Alonso Tejada.

Sábado, 8 de marzo – Concentracións e manifestacións.

Domingo, 9 de marzo no Auditorio Municipal – Monicreques: “La maestra”. Cía. Anita Maravillas.

Martes, 11 de marzo no Salón de actos do MARCO – Proxección do filme “Prefiro condenarme” de Margarita Ledo Andión. Presentación e coloquio posterior coa directora.

Xoves, 13 de marzo na Antesala de Alcaldía – Inauguración da mostra “Mulleres que pintan”.

Xoves, 13 de marzo na Galería do MARCO – Recital aberto de poesía de xénero con María Lado e Orisel Gaspar Rojas.

Venres, 14 de marzo na Sala de Afundación – Gala entrega do XIII Premio de Igualdade Ernestina Otero.

Sábado, 15 de marzo no Paseo de Afonso (Punto de encontro) – Visita guiada ao Roteiro feminino “Sons de Mulleres” a cargo de María Casar.

Martes, 18 de marzo no Salón de actos do MARCO – Proxección do filme “ La bicicleta verde” de Haifaa Al-Monsour.

Mércores, 19 e Xoves, 20 de marzo na Sala de conferencias do Centro Social Afundación – Xornadas formativas “A violencia económica exercida sobre as mulleres. Control económico, sabotaxe laboral e explotación económica”.

Venres, 21 de marzo no Auditorio Municipal – Teatro: “Testosterona”. Malasombra Producións.

Sábado, 22 de marzo no Salón de actos do MARCO – Concerto de MJ PÉREZ (formato dúo).