As mulleres do pazo de Castrelos
O pazo de Castrelos é un depósito da historia de Vigo que alberga contos das familias que viviron entre as súas paredes e deron forma ao seu carácter. Este mes de marzo celebramos o centenario da doazón do pazo á cidade por parte de Fernando Quiñones de León Elduayen, marqués de Alcedo. Johan Tavares, Fernando Quiñones de León e Policarpo Sanz son os antropónimos máis asociados ao pazo, pero quen foron as mulleres que o habitaron?

A historia da casa comeza cun nome de muller: Benita Núñez Bullón. A historiadora da arte Beatriz Liz de Cea conta que Benita é fundamental para a orixe do pazo, aínda que os relatos convencionais a miúdo a omiten da narrativa. Benita era a dona dos terreos, e foi a través do seu matrimonio co portugués Johan Tavares (quen si aparece nos libros de historia) como se puido construír en 1665 a casa señorial no lugar que ata entón ocupaba unha torre defensiva. Nun primeiro momento esa casa, que constaba dunha única torre, foi coñecida como pazo de Lavandeira, topónimo da zona.

Do mesmo xeito que Benita foi crucial para a existencia do pazo pero borrada da historia transmitida, ao longo de catro séculos existiron outras mulleres que habitaron o senlleiro edificio e lle deron forma. En 1834 o pazo cambiou de mans e pasou da familia Tavares aos marqueses de Valladares. A marquesa, Joaquina Montenegro y Ponte, foi a persoa que o habitou durante máis tempo, polo que deixou unha pegada indeleble no edificio. Ela, como todos os Valladares do século XIX, vivía no pazo da Oliva e tiña Castrelos como a súa residencia de verán e lugar de celebracións. «Na época, a distancia entre ambos os domicilios era o suficientemente grande como para considerala unha viaxe, pois Vigo era só a parte amurallada», sinala Liz de Cea. A historia de Joaquina tena ben estudada Ignacio Pérez-Blanco Pernas, actual marqués de Valladares, historiador e biógrafo da súa familia, quen conta que se trataba dunha muller «bondadosa, caritativa e moi preocupada polas xentes necesitadas». Joaquina foi quen fixo popular a denominación «Finca da Marquesa», pois habitualmente abría os xardíns ao pobo, especialmente aos nenos de clases populares, pois «desfrutaba véndoos xogar arredor do chafariz do xardín francés e ofrecía doces da veciña confeitería Arias». Un daqueles nenos era o seu neto Juan Ramón, avó de Ignacio. Dela tamén se conta que creou a súa propia untura, a cal se seguiu comercializando despois da súa morte nunha farmacia de Castrelos co nome de «ungüento da marquesa».

A segunda filla de Joaquina, Dolores Martínez Montenegro, continuou o traballo caritativo da nai e permaneceu ao seu lado durante toda a súa vida. Xuntas proporcionaron axuda sanitaria e financeira a mulleres en situación de prostitución, ás que axudaron a reintegrarse. Dolores fundou a sección feminina da Cruz Vermella en Vigo e foi condecorada coa medalla de ouro por esta institución tras prestar axuda aos soldados repatriados desde Cuba que chegaron ao porto de Vigo en 1895. Ela e outras mulleres de clase alta da cidade recadaron fondos para construír o monumento na súa honra que hoxe podemos ver no cemiterio de Pereiró. Nai e filla tamén organizaron as procesións do Cristo da Vitoria durante unha década, e cada verán interrompían as súas estancias en Castrelos para prepararen as decoracións. Despois da morte de Dolores, as súas netas continuaron como camareiras do Cristo da Vitoria durante cincuenta anos.
A última residente do pazo foi Marianne de Whyte, unha aristócrata inglesa que deixou nel unha pegada duradeira. Logo de casar con Fernando Quiñones de León y Elduayen (bisneto de Joaquina), a parella decidiu facer do pazo a súa residencia e emprendeu importantes reformas. Atribúeselles imbuír o pazo dunha estética inglesa, ao incorporaren panelado de madeira nas paredes e unha grande escaleira, tamén de madeira, de corte inglés, así como construíren unha pista de tenis, unha das primeiras de España. Pérez-Blanco relata que na entrada da vivenda colocaron un grande oso disecado que sostiña unha bandexa na que se colocaba o correo. Nesa época tamén se realiza a primeira instalación eléctrica, acometida por expertos ingleses.


Marianne de Whyte habitou Castrelos ata a morte do seu marido. Como non tiñan fillos, o pazo pasou a ser propiedade do pai deste, Fernando Quiñones de León (o marqués de Alcedo), quen en 1924 o cedería á cidade. A historia tampouco foi xenerosa con De Whyte, que foi acusada de desvalixar a casa cando a abandonou. Para Beatriz Liz de Cea, «ela só levou o que lexitimamente era seu como herdeira». Esta historiadora do arte, que exerceu como guía turística do pazo, lamenta que durante as visitas se conte que Marianne deixou a gran lámpada de cristal de Murano do comedor porque non foi capaz de levala (atribuíndolle unha falsa fama de ladroa), cando a verdade é que a deixou porque lla comprou o Concello de Vigo, «como sabemos polo correspondente documento, que aínda se conserva».

Quizais una das figuras máis relevantes (aínda que tampouco recoñecida) na historia do pazo é Yrene de Ceballos, a miúdo relegada ao papel de esposa —ou, no mellor dos casos, benfeitora— de Policarpo Sanz. Liz de Cea, que publica este 2025 un libro sobre Ceballos, avoga apaixonadamente por recoñecer a función primordial de Yrene na preservación da colección de arte de Policarpo Sanz, que na actualidade se exhibe no Museo Quiñones de León, e, en última instancia, na configuración do panorama cultural de Vigo. Grazas á súa visión e dedicación, obras de mestres como Goya, Rubens e Troy atópanse hoxe na cidade. Chegou a ser descrita como «cazafortunas e cubana branca» (si, naceu na illa do Caribe nos inicios do século XX), pero o certo é que a fortuna e formación de Yrene superaban ás de Sanz. Pese a que os sinais do museo só indican «Colección de Policarpo Sanz» nas obras cedidas polo matrimonio, en realidade era «Yrene, e non Policarpo, quen posuía a verdadeira sensibilidade artística», sentencia Beatriz.

