REVISTA ABRIL

Love of Lesbian ofrecerá un concerto acústico no Pazo de Cea este verán

Un verán máis o Pazo de Cea acollerá o ciclo de concertos ‘La Fiesta’. Santi Balmes, Julián Saldarriaga e Dani Ferrer subirán ao escenario deste histórico lugar o 31 de xullo; pero antes, o día 17, poderemos gozar dun triple concerto a cargo de Alejo Stivel, Los Limones e Mon Band.

REVISTA ABRIL

Se onte coñecimos que parte dos integrantes de Love of Lesbian darán un concerto o 1 de agosto dentro do festival TerraCeo organizado polo Auditorio Mar de Vigo, hoxe coñecimos que a banda estará actuando o día anterior en Nigrán, concretamente no Pazo de Cea. Trátase dun concerto en acústico no que os músicos barceloneses farán un repaso polos temas máis míticos de Love of Lesbian.

Este concerto forma parte da programación deste verán de ‘La Fiesta’ no Pazo de Cea. Un ciclo de concertos que aúnan música e gastronomía nun espazo tan singular como o Pazo de Cea. Love of Lesbian non serán os únicos convidados deste verán. Alejo Stivel, Los Limones e Mon Band darán un triple concerto o día 17 e desde a organización aseguran que aínda quedan máis actuacións por confirmar.

As entradas sairán á venda nas próximas semanas a través de Ataquilla.com. Aínda que a organización asegura que a esencia de ‘La Fiesta’ non se perderá, si que terán que tomar medidas preventivas pola seguridade dos asistentes. Unha delas é que o público gozará do espectáculo sentado en cadeiras que estarán distanciadas entre si.