ARRIBADA

EmigraSON: o mellor festival galego celébrase en Bruxelas

Esta pasada fin de semana a capital belga acolleu a terceira edición do festival EmigraSON, un evento musical promovido por un grupo de rapaces e rapazas galegos emigrados no corazón de Europa. Máis de 1.200 persoas gozaron dun cartel de luxo e cen por cen en galego: Tanxugueiras, Fillas de Cassandra, De Ninghures e Terbutalina, que se despediron dos escenarios tras quince anos de traxectoria.

De Ninghures, Fillas de Cassandra e Tanxugueiras homenaxeando a Terbutalina no EmigraSON | P. Vázquez

“El concepto es el concepto”, dicía o personaxe de Manquiña na mítica Airbag. Todos temos boas ideas, outra cousa é levalas á práctica de xeito exitoso. Hai tres anos, un grupo de rapaces e rapazas galegos emigrados en Bruxelas decidiron traer á súa nova residencia a música da antiga. A idea era moi boa, e a execución tamén o foi: en 2023 o primerio festival EmigraSON reuniu a máis de 150 persoas na sala Embassy Room con The Rapants, Fillas de Cassandra, Familia Caamagno, Berto e Filloas. Ao ano seguinte, a sala La Tricoterie xa acollía a medio millar de asistentes, que gozaron da música de Catuxa Salom, Ataque Escampe, Grande Amore, Lontreira e de novo The Rapants.

Organización do EmigraSON, ao final do festival | P. Vázquez

Seguindo esta liña ascendente, a organización apostou este ano pola sala La Madeleine, un espazo con máis de 1.200 persoas de capacidade situado no centro de Bruxelas polo que pasaron artistas da talla de Billie Eilish, Maneskin ou Vetusta Morla. De Ninghures, Fillas de Cassandra, Tanxugueiras e Terbutalina, no seu derradeiro concerto, formaban un cartel de luxo que representa o talento e variedade musical da que goza Galicia. Ademais, Lume de Biqueira protagonizaba a foliada do día antes e Duendeneta Dilleis poñerían o ritmo á fin de festa do venres 21. A poucos días de comezar o festival anunciaban en redes un merecido sold out: o público premiaba un ano máis o traballo duro (e non remunerado) do equipo organizador, que co paso dos anos foi medrando ata chegar á decena de membros: Karan, Maria, Mateo, Gara, Ángel, Claudia, David, Alejandro, Cristina e Miguel.

De Ninghures | P. Vázquez

Pasadas as cinco da tarde do sábado 22 apareceron sobre o escenario De Ninghures, unha numerosa banda formada por músicos novos vindos de distintas partes de Galicia. A poucos días de publicar o seu segundo disco, demostraron a súa habilidade cos diferentes instrumentos e propiciaron un dos momentos máis emocionantes da xornada: Tanxugueiras e Fillas de Cassandra uníronse ao septeto para homenaxear a Terbutalina cunha fermosa versión de ‘Muinheira da costa’.

Fillas de Cassandra | P. Vázquez

Moito cambiaron as cousas nestes dous últimos anos. O EmigraSON medrou como ningún outro festival galego e Fillas de Cassandra xa non son o prometedor dúo que actuaba na primeira edición. Son unha das voces máis representativas e exitosas do panorama musical galego e así o puido comprobar o público asistente co espectáculo Últimas dionisíacas. Tradición, modernidade, elegancia e rave van da man nun show único que este venres poderemos gozar na Porta do Sol viguesa. As outras grandes representantes do neotradi galego, Tanxugueiras, ofreceron un concerto cheo de enerxía e emoción, que mesmo fixo chorar á propia Olaia Maneiro tras cantar ‘Cambia todo’ entre o público. Xusto despois, pecharon a súa actuación con ‘Terra’, facendo máis palpable que nunca iso de “non hai fronteiras”.

Tanxugueiras | P. Vázquez

A última banda da noite foi Terbutalina, que tras quince anos de carreira decidiron dar o seu derradeiro concerto no EmigraSON. Cando non era tan habitual o uso do galego na nosa música, bandas como Terbutalina axudaron a normalizalo e a sumar adeptos, como teñen recoñicido, por exemplo, os seus veciños de ría The Rapants. Non deixaron munición no cargador: 27 cancións en pouco máis dunha hora para repasar unha discografía repleta de himnos como ‘Está vostede aquí’, ‘Mambo’, ‘Ninguén che quere tanto’ ou ‘Compostela’. O frontman Miguel Cernadas, que xa avisara que non ía falar moito porque acabaría chorando, non puido aguantar as bágoas de emoción tras o último acorde.

Terbutalina, no seu derradeiro concerto | P. Vázquez
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Xornalista cultural, fotógrafo e musiqueiro. E vigués. Director de tres documentais e coautor de Son da cidade. O libro da música viguesa do noso século.