VIALIA
ARRIBADA

Atípico Circo: malabares, equilibrios e diversión en familia

Hai pouco máis dun ano que botou a andar Atípico Circo, unha iniciativa de formación e animación creada polo artista italiano Claudio Casaccia. Este mes organiza dous obradoiros de circo en familia no CEIP da Carrasqueira, os sábados 8 e 22. Preme aquí para consultar o formulario de inscrición.

De cativo, Claudio Casaccia miraba con asombro os malabaristas. Facían cousas que semellaban imposibles, inalcanzables. Ata que aprendeu, na adolescencia e pola súa conta, a manipular no aire varios obxectos á vez sen que tocasen o chan. Encantoulle a sensación e afondou nesta arte grazas a libros e cintas de VHS nunha época na que internet aínda estaba a dar os seus primeiros pasos.

A seguinte fase foi participar en encontros de malabaristas, primeiro na súa Italia natal e despois noutros países europeos: Alemania, Irlanda, Francia… Xuntouse con dous amigos, un malabarista e outro músico, e crearon unha compañía que actuaba en eventos e na rúa. En 2014 comezou a formarse na École de Cirque de Bruxelas, na que tamén daría clases, e especializouse en circo adaptado para persoas con diversidade. Bélxica, Suiza, Italia, Luxemburgo, España e Camboia son os países nos que traballou como formador nos últimos anos.

Tras unha década na capital belga, en 2023 recalou na cidade natal da súa parella, Vigo. É cando decide crear a súa propia escola, Atípico Circo, na que ofrece diferentes opcións de formación e animación para eventos. En canto ao primeiro, Claudio destaca o circo en familia, unha actividade divertida e saudable para pais e fillos na que aprender todo tipo de técnicas circenses: malabares, acrobacias, equilibrios… Estas clases realízanse varias veces ao mes no CEIP de Carrasqueira, en Coruxo, pero pódense contratar para calquera outro espazo e momento: “Non quero que as clases sexan un aparcamento de nenos e nenas, senón que toda a familia goce xunta do circo”, di. A maiores ofrece clases extraescolares só para a rapazada e, se algún adulto se anima, tamén ten opción para maiores.

Sobre a animación de eventos, Claudio explica o seu método de traballo: “Ao chegar ao lugar instalo todo o meu material e déixoo aí durante varias horas para que a xente se sinta libre de ir e vir e probalo cando lle apeteza. Eu estou para explicar o funcionamento básico e algunhas normas de seguridade”.

Que ten o circo para se convertir no medio de vida de Claudio? “Todo o mundo pode atopar o seu oco. Ao haber tantas técnicas – equilibrismo, acrobacia, malabares, clown, música, danza -, todos e todas poden atopar o espazo que lles corresponda. Por iso é tan importante; é un mundo que abarca moitas persoas”, explica. Tamén reflexiona sobre o papel do circo na sociedade, que moitas veces non se valora coa mesma xenerosidade ca outro tipo de artes: “Cando empecei non se valoraba. Quizais tiña que ver co meu entorno e a miña familia, pero historicamente nunca tivo moi boa opinión pública. Víasenos como uns pallasos que estaban aí sen facer nada. Despois, ao estudar fóra nunha institución con máis de corenta anos de traxectoria, decateime de que si que existe un gran respecto pola disciplina. Confío que cos anos vaia a mellor”, conclúe.

672 23 58 58 | @atipicocirco

REVISTA FEBREIRO
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.