C. Tangana estréase como director en Vigo cun baño de masas
Antón Álvarez, coñecido artisticamente como C. Tangana, visitou os cines Yelmo de Travesía e os Tamberlick da Plaza Elíptica para presentar o seu primeiro filme documental como director: La guitarra flamenca de Yerai Cortés.
Por que C. Tangana veu ata Vigo para presentar en persoa o seu primeiro filme La guitarra flamenca de Yerai Cortés? “Para que veñades ao cine a ver a peli”, así o explicaba o propio artista nun dos coloquios que mantivo co público vigués. Sabedor da súa capacidade para mobilizar os seus seguidores, o artista madrileño convocou catro coloquios na tarde do 30 de xaneiro, dous nos cines Yelmo de Travesía e outros tantos nos cines Tamberlick da Plaza Elípitica. Tangana incidiu moito no traballo musical e de son do filme, que afonda na vida do artista flamenco Yerai Cortés. “É un filme pensado para ver nunha sala de cine e por iso estou aquí, para que viñésedes e para que agora animedes os vosos amigos a vir”, sinalou o director novel.
Nos coloquios, de media hora de duración, o artista madrileño contestou todas as cuestións dos espectadores con proximidade e humor. Ao preguntarlle pola motivación para facer este filme, Pucho, como é coñecido entre amigos, explicou que a idea partiu do disco que quería facer Yerai. “Somos moi amigos e el foime contando como era o disco que estaba preparando e cada canción era un episodio da súa vida. Á vez el quería facer algo máis alá do disco, algo no que estivese presente a súa familia, pero non tiña claro como. Propúxenlle facer un filme e el aceptou”, explicou e aproveitou para gabar o traballo musical do seu amigo. Yerai Cortés é unha figura inusual dentro do flamenco, por ser respectado tanto polos xitanos máis tradicionais como polos artistas vangardistas desa nova onda da que el forma parte. La guitarra flamenca de Yerai Cortés, ademais do título do documental, é o nome do seu primeiro álbum de estudio, publicado o 20 de decembro de 2024 por Sony Music.
Sobre o futuro, C. Tangana non descartou que o volvamos ver dirixindo un filme e dixo que aínda que “agora estou enfocado nisto, non creo que quede quieto. Non me gusta aburrirme”. Polo momento toca agardar ata o sábado 8 de febreiro para ver se se alza con algún dos dous premios Goya aos que está nominado: mellor filme documental e mellor canción orixinal.
Fotos: @laghama.photo