A festa da Reconquista de Vigo xa ten datas
Este luns pola mañá o Concello de Vigo anunciou en conferencia de prensa as datas da Reconquista, a festa popular máis multitudinaria da cidade. Os actos comezarán o 22 de marzo e os días de maior afluencia serán o 28, 29 e 30 dese mesmo mes, que rematarán coa representación teatral da expulsión do exército napoleónico.
A festa popular máis multitudinaria de Vigo, a Reconquista, xa ten datas. O 22 de marzo arrancan os actos coa representación da destitución da corporación municipal e continuará ao día seguinte coa saída do exército napoleónico polo Casco Vello. Tras uns días de descanso, o venres 25 celébrase a Reconquistiña, evento dirixido a escolares de 4º de primaria que este ano busca alcanzar a cifra de 2000 participantes.
O venres 28 abre o mercado no Casco Vello, o que marca o inicio dos días grandes da Reconquista. A zona antiga da cidade encherase esas tres xornadas de xente, música, postos de comida e gastronomía. E moitos choripáns. O evento central, a representación teatral a cargo da Asociación de Veciños do Casco Vello, terá lugar na tarde do domingo, hora por definir.
A festa da Reconquista vén celebrándose desde 1994, polo que este ano será a 31ª edición desta festa que busca rememorar a fazaña realizada polo pobo vigués en 1809. O evento foi medrando ano tras ano ata convertirse en Festa de Interese Turístico Nacional en 2019. A maior parte do orzamento vén das arcas do Concello (que este ano aumentou un 8% ata os 135.000 €, sen incluír os servizos de limpeza e seguridade), cantidade que complementan con patrocinios privados e cos beneficios do mercado. Os actores tamén son xente do barrio, e a maioría repiten ano tras ano, o que lle dá a toda esta celebración un ambiente do máis familiar.