Lotería Sagitario
Un deses comercios que levan toda unha vida formando parte da vida o barrio é a Administración de Loterías n.º 10, denominada Sagitario. Concretamente desde 1969, cando a nai de Raquel Vázquez, a dona actual, decidiu abrir este negocio nun pequeno local da rúa de Urzaiz, no que hoxe é a zona cero da peonil, pero que daquela non se podía nin imaxinar.
Cando chegaron os ordenadores e empezaba a quedar sen espazo, mudouse a escasos metros, concretamente ao número 6 da rúa da Cruz Branca. A última viaxe foi en 2014, cando volveu percorrer uns poucos pasos para chegar á situación actual, na esquina das rúas de Urzaiz e de Cataluña, á beira da praza de abastos. Un amplo local moi ben situado que polas mañás loce colas de xente, especialmente durante a temporada de decembro.
«Nós iniciamos a campaña de Nadal xa en xullo, mesmo antes que o alcalde», chancea Raquel, que substituíu a súa nai cando esta se xubilou en 2008. Xusto un ano antes, esta administración repartía un quinto premio da Lotería de Nadal, de a 9,25 millóns de euros. Ese mesmo ano tamén se selou un premio do Euromillóns. «Vendes ilusión; o que queres é repartir premios e ver a xente feliz», afirma a responsable.
Tamén se ofrece o que se chama a lotería viaxeira, é dicir, boletos doutros puntos do Estado. A máis demandada este ano, como era de esperar, é de Valencia, que aínda non se recibiu por mor das circunstancias en que se atopan moitas das administracións da zona. Esperemos con ilusión.
Rúa de Urzaiz, 191 | 986 27 69 17 | loteriasagitario.com
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Cafetería Turmalina - 17 Decembro, 2024
- Pepe Fernández - 17 Decembro, 2024
- Lotería Sagitario - 17 Decembro, 2024
- La Factoría - 17 Decembro, 2024
- El Atelier de Diego Caride - 17 Decembro, 2024