UVIGO
CAMELIAS NADAL

A Universidade de Vigo convoca un concurso de Youtubers científicos

A Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo convoca a cuarta edición do concurso de vídeos Youtubers Científicos, unha iniciativa que ten como finalidade identificar e apoiar os futuros creadores de contidos relacionados coa divulgación da I+D+i. As propostas poderán enviarse do 13 de decembro ao 13 de xaneiro.

Dicía un tuiteiro que a ciencia non se fai soa, que hai que facela. E divulgala. Con este fin, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo convoca a cuarta edición do concurso de vídeos Youtubers Científicos, unha iniciativa que ten como finalidade identificar e apoiar os futuros creadores de contidos relacionados coa divulgación da I+D+i.

Como novidade nesta edición, á xa tradicional categoría para persoal investigador, engádese unha nova modalidade para alumnado da ESO e Bacharelato. Poderán participar con vídeos dun minuto que respondan á cuestión de por que a ciencia é relevante para a sociedade.

O prazo de presentación das propostas en ambas categorías abrirase entre o 13 de decembro e o 13 de xaneiro de 2025. Unha vez pechado o prazo, os vídeos recibidos subiranse á canle de YouTube da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo, para a súa difusión e valoración por parte do público. Os vídeos de cada categoría que teñan máis ‘gústame’ partirán de 10 puntos na valoración por parte do xurado.

As pezas premiadas serán seleccionadas por un xurado formado por un mínimo de tres persoas expertas en diferentes áreas de coñecemento, unha delas especialista en comunicación, que valorarán a creatividade, os contidos e calidade técnica dos vídeos, ademais da valoración previa do público. Haberá un premio por categoría e ambos consistirán en cadanseu kit de produtos de iniciación para elaboración de vídeoblogs. A decisión do xurado, que se anunciará o 24 de xaneiro, atenderá a criterios relacionados co contido, a creatividade e a calidade técnica das pezas audiovisuais. 

As propostas deben enviarse a ucc@uvigo.gal indicando no asunto: Participación no concurso de vídeos Youtubers científicos. No corpo do correo será necesario indicar o nome e apelidos completos, DNI e un teléfono de contacto. 

No que se refire á categoría para persoal investigador da UVigo, poderán presentarse vídeos divulgativos cunha duración máxima de dous minutos, en formato mp4 e gravado en horizontal. As pezas deberán versar sobre algunha investigación, proxecto ou contido cientéfico ou tecnolóxico, tanto en galego como en castelán e poderán empregarse toda clase de elementos que enriquezan a presentación do contido, ilustren ou axuden a captar a atención da audiencia. 

REVISTA NADAL

Para poder capacitarse e realizar un audiovisual impecable, o persoal investigador da Universidade de Vigo participou nunha formación previa os días 10 e 13 de decembro. Esta actividade serviu para coñecer as ferramentas, materiais, procesos e consellos para facer vídeos divulgativos accesibles e rigorosos para publicar en redes sociais como YouTube ou TikTok. Na xornada do día 10, Iago Gordillo, creador de Recuncho Gamer, abordaou os aspectos técnicos relacionados coa gravación, edición e publicación dos vídeos. Na segunda xornada, Ricardo Moure, divulgador científico, guionista e showman, levou a cabo unha masterclass sobre contidos divulgativos para redes.