REVISTA ABRIL

Editorial Elvira convoca o noveno certame literario Vigo Histórico

A Editorial Elvira convoca a novena edición do certame literario Vigo Histórico, que terá aberto o prazo de recepción de obras desde mañá, xoves 31 de marzo ata o 1 de xullo e que ten como única condición argumental que a nosa cidade sexa unha das protagonistas da historia. As mellores historias serán recompiladas no libro Relatos na Rúa.

A novena edición do Certame de Relatos Vigo Histórico, convocado pola Editorial Elvira, xa está en marcha. Hoxe celebrouse a rolda de prensa na que se anunciou a convocatoria deste certame, que xa é unha tradición na cidade viguesa e unha data esperada polos escritores e escritoras noveis tanto de Galicia como do resto de España e incluso do estranxeiro.

Durante a presentación, Javier Romero, editor e responsable de Elvira lembrou o inicio deste certame, hai xa nove anos co apoio do poeta Carlos Oroza e que “nos permite contar con máis de 1.000 relatos de Vigo, o que é un arquivo incrible esta cidade”. A autora do cartel desta novena edición é Gabriela Sánchez González (@tatupeor) unha artista pontevedresa que vive dende o ano 2017 en Londres. Un ano máis, a Panificadora será a estrela central do cartel do certame Vigo Histórico.

REVISTA ABRIL

O prazo para a recepción dos traballos comezará mañá día 31 de marzo e finalizará o 1 de xullo. O tema do relato será libre coa única condición de que a cidade de Vigo ten que ser protagonista, tal e como aparece nas bases do concurso: “A acción ten que transcorrer en Vigo, sendo a cidade parte transcendental do relato, un elemento destacado, como o son as personaxes ou a trama. O incumprimento deste punto invalida a participación no certame”. Admitirase un único texto por autor, cunha extensión máxima de 4 páxinas por unha cara (ou o equivalente a 8.000 carácteres con espazos). As bases están a disposición de todos os interesados na páxina web de Editorial Elvira.

A comunicación dos gañadores, así como dos relatos seleccionados para o libro Relatos na Rúa farase pública entre os días 29 de setembro e 7 de outubro de 2022. Haberá un primeiro premio de 1000 euros para o gañador, un segundo premio dotaco con 500 e ata 4 accésits de 200 euros cada un.

O xurado estará composto pola escritora Ledicia Costas; o pintor Antón Pulido, o editor Bieito Ledo, a escritora Clara do Roxo, o xornalista Jacobo Buceta; a filóloga e poeta Patricia Meira, a escritora e actriz María Lado, a xornalista Noelia Otero Lago; e o historiador e membro do Instituto de Estudios Vigueses, José Luis Mateo Álvarez.