UVIGO
FILLOAS

A Universidade de Vigo organiza numerosas actividades polo Día da Nena na Ciencia

Este xoves 11 de febreiro celébrase o Día Internacional da Nena na Ciencia, unha xornada nacida para darlle visibilidade ao traballo das mulleres nestes eidos, crear roles femininos no campo da ciencia e da enxeñaría, e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero. Desde a Universidade de Vigo organizan unha serie de actividades con este fin.

A pesar das complicacións derivadas da pandemia pola covid-19, desde a Universidade de Vigo optaron por manter as actividades do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, pero adaptándonos á realidade coa que nos enfrontamos. Ao longo do mes de febreiro, un total de 32 investigadoras e un investigador da UVigo ofreceranlles a 34 centros educativos de toda Galicia 70 charlas virtuais sobre o seu traballo e sobre o papel da muller na ciencia e na tecnoloxía. Estas enmárcanse na Iniciativa 11 de febreiro, que se organiza no ámbito nacional con motivo desta efeméride, e contaron co apoio da Unidade de Cultura Científica e da Innovación da Universidade de Vigo na súa xestión.

A quinta edición do programa de obradoiros para rapazas de secundaria Elas fan Cientec realizarase en liña con catro centros educativos da provincia de Pontevedra o día 11 de febreiro. Así, as docentes e investigadoras da Universidade de Vigo, xunto coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación e a Unidade de Igualdade, organizaron as seguintes actividades para conmemorar esta data: Centro de Investigacións Biomédicas (Cinbio) e IES Val Miñor (Nigrán), Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e IES Rosais II (Vigo), Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e Colexio Plurilingüe Alborada (Vigo) e Escola de Enxeñaría Industrial e IES A Cañiza (A Cañiza)

Por mor das restricións sanitarias non terá lugar a feira nin os eventos que se organizaban noutras edicións, pero a organización pon a disposición dos centros educativos de toda Galicia unha web con contidos divulgativos sobre mulleres importantes da nosa historia contados por investigadoras do campus de Ourense. Non obstante, o día 11 de febreiro daranse a coñecer as e os gañadores do V Concurso de Creación Artística do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, convocado pola Facultade de Ciencias, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. 

Desde a Unidade de Igualdade abrirase a matrícula a partir do 11 de febreiro en novos cursos gratuítos dentro do itinerario de xénero:

CAMELIAS NADAL
  • A inclusión da perspectiva e a análise de xénero na investigación e na innovación
  • A muller e a ciencia
  • Dimensión de xénero nos proxectos de I+D+i das TIC