VIALIA
CAMELIAS NADAL

Nove ideas de regalo local

Remata o ano e, para celebralo, no pequeno comercio atopamos propostas orixinais de papelería, roupa e complementos, gastronomía e xoiería coas que desbotar as compras superfluas en grandes almacéns, con opcións máis impersoais e menos orixinais. Cómpre apostar polo comercio de proximidade para obter un Nadal sobresaliente.

A parella de arquitectos formada por Álvaro e Ana decidiuse a pechar o estudio que rexentaba en Madrid para se instalar en Vigo, terra natal dela. Panda Bohème selecciona produtos exclusivos, de alta calidade, que non son fáciles de atopar noutros sitios. Mesmo chega a ser a única tenda de España onde se poden atopar certas referencias, traballando con marcas procedentes de lugares como Os Estados Unidos, Corea, Taiwán ou O Xapón. Como sabemos que en Corea e no Xapón toman moi en serio o tema da planificación, un regalo especial para arrancar o ano cunha boa organización son as axendas orientais. A última incorporación para esta tempada son as xaponesas Kokuyo Jibun Techo.

rúa de María Berdiales, 15 | 604 01 74 16 | pandaboheme.com | @pandaboheme

Respaldada polo recoñecido selo de Galicia Calidade, esta xoiería brilla con luz propia con deseños atemporais e minimalistas. O colgante «Bután» (86,00 €) é a xoia máis destacada da colección, tanto polo tamaño coma pola clara referencia ao nome e ás formas que o inspiraron. Este deseño do xoieiro artesán Luís González está elaborado en prata de Lei 925, cun galvanizado en marrón chocolate e un chapado en ouro. De luxo!

rúa de Policarpo Sanz, 22 | 886 12 52 62 | ardentia.es |@ardentia_xoiajeweljoya

O máis recomendable é pedir cita previa para que, en base ás nosas preferencias, a artista e costureira venezolana cree unha peza de roupa exclusiva para nós. Con todo, unha boa opción de regalo son as súas bandoleiras con forma de banana, dispoñibles en dous tamaños (a pequena ten un prezo de 37,00 €, namentres que a grande custa 57,00 €), ideais para lucir deseños e estampados moi orixinais. Estas bandoleiras confeccionadas á man son lixeiras, cómodas e moi prácticas. Que mellor?

rúa de Afonso XII, 9 (Simia) | 664 22 53 34 | @felicettagualtieri

A vida é tan curta que non convén levar roupa aburrida, por iso nos gustan tanto as pezas coloridas coas que dar unha nova vida aos gardarroupas propios e alleos. Por se este colorista catálogo téxtil soubese a pouco, na tenda hai outro tipo de bonituras como cadernos, axendas ou a cunca de porcelana artesanal fabricada en Valencia coa lenda «Las amigas multiplican las risas y reducen la tristeza» (29,00 €). Unha auténtica cucada!

rúa do Carral, 15 | 986 43 86 71 | lemarchederachel.com | @lemarchelderachel

Por encargo e con cita previa, Olalla crea no seu estudio pulseiras permanentes (desde 19,00 €) con deseños minimalistas e elegantes cos que demostrar que, alén de xoias, manteñen o valor intencional do compromiso co amor propio, a querenza polos demais ou o afianzamento mediante os obxectos especias de momentos singulares nas nosas vidas. A deseñadora encárgase de confeccionar xoias que se combinen coas da parella, nai, irmá ou grupo de amigas. Un vencello para toda a vida!

rúa da República Arxentina, 27, 1.º, estudio 7 | 652 21 78 04 | liabstudio.com | @liab_studio

Non hai nada máis entrañable que regalar calcetíns polo Nadal. Se queremos darlle un toque orixinal ás nosas festas, nada mellor que pendurar da cheminea estes novos deseños de calcetíns (desde 11,00 €), que falan de corazóns ardentes, como o modelo «Amor»; os máis clásicos, como os de rombos; e os modelos máis vendidos, como o modelo «Barcos», de raias e cun aire mariñeiro precioso; e os de estampado, como «Tigres» co seu tan de moda animal print. Cos calcetíns en lata da marca, mesmo nos atrevemos a vestilos desemparellados!

630 79 33 17 | somosoceano.com | @somosoceano

Se algo non pode faltar na boa mesa durante as festas é o marisco. Empezando pola vieira, o exquisito molusco cuxa cuncha é o símbolo dos peregrinos a Compostela, tan emblemático como saboroso. Os produtos do mar sempre son un acerto cando veñen da man dos mellores provedores, e estas vieiras (4,75 €/ kg) sinalan o camiño das estrelas… do Nadal.

Avenida da Beiramar, 59; rúa da Ronda Don Bosco, 41 | 986 20 00 33 | tienda.pereira.es | @pereiratiendas

Hai alguén aí que non coñeza as camisetas máis orixinais de Galicia? É pouco probable, xa que as súas frases cheas de retranca levan dúas décadas no noso imaxinario colectivo. Que mellor regalo para esa amizade que nos fogóns non ten rival que o vistoso mandil co tema «Teño un polbaso» (22,50 €) Asegura o bo humor nas xuntanzas destas datas!

rúa do Príncipe, 11 | 986 43 00 56 | reizentolo.es | @reizentolo_oficial

Todo tipo de de pezas para vestir e calzar a moda máis urbana, con marcas internacionais de gran calidade como Carhartt, Element, HUF, NB Numeric ou Revolution. Tras o mostrador desta tenda de streetwear está Jo #Tutenderafavorita, sempre disposta para nos asesorar. Para regalar neste Nadal, suxerimos as zapatillas Vans MTE Sk8-Hi DR Waterproof. Este calzado de media cana leva unha membrana impermeable e tratamento scotchgard, que repelen a auga e manteñen os pés ben secos e quentiños. Ademais, grazas ao deseño da sola, proporcionan un agarre seguro en superficies húmidas. O regalo ideal para gozar do inverno!

avenida das Camelias, 20 | 986 12 55 35 | woodtown.es | @woodtownstore

Estela Gómez
Correctora literaria e redactora de contidos

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.

Últimos posts de Estela Gómez (ver todos)